DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa denominación de luz fermiónica

O grupo de Óptica Física descubre un novo estado da luz caracterizado pola capacidade de percorrer longas distancias sen modificarse

O achado terá relevancia internacional grazas á publicación en Physical Review Letters

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Romina Vázquez DUVI 09/11/2010
Mellora das comunicacións ao aire libre e dos sistemas de defensa militar son algunhas das posibilidades que ofrece o novo estado de luz descuberto polos profesores Humberto Michinel, Daniele Tommasini e David Novoa, pertencentes ao grupo de Óptica Fisica da Facultade de Ciencias de Ourense. Co nome de luz fermiónica, os investigadores definen o seu achado, consistente nun estado no que as propiedades da luz son análogas ás dunha estrela anana branca. “Conseguimos modelizar matematicamente pulsos moi intensos que se poden propagar no aire sen alteración, de modo que chegan ao receptor coas mesmas características coas que saen do emisor”, explica Michinel, que engade que “ao non dispersarse no aire manteñen a súa propia forma e permiten facer medicións máis precisas”.

A propiedade máis sorprendente da luz fermiónica reside en que a súa estabilidade está gobernada polas mesmas ecuacións que a materia electrónica presente nas estrelas brancas, caracterizadas pola “enorme densidade obtida pola compresión que sobre elas exercen as forzas gravitatorias”, apunta Michinel.

Tecnoloxía LIDAR

A capacidade que a luz fermiónica posúe para percorrer longas distancias sen apenas modificarse, podería servir para a tecnoloxía LIDAR, “un sistema semellante ao radar que utiliza un láser en lugar de ondas radio e que se usa, por exemplo, para medir contaminantes atmosféricos”, apunta Tommasini.
Por outra parte, a condensación de auga inducida por láseres, que se ten demostrado experimentalmente en tempos recentes, tamén podería beneficiarse da maior da maior concentración de enerxía contida nos pulsos de luz fermiónica con respecto aos ordinarios.

Un descubrimento con sona internacional

O achado será presentado á comunidade científica internacional pola prestixiosa revista Physical Review Letters, unhas das publicacións máis importantes no eido da física. “Para nós é un motivo de tremenda alegría, xa que ademais o noso traballo foi seleccionado para aparecer en Physical Review Focus, a sección da publicación que recolle as novidades científicas máis destacadas”, explica Michinel, que agarda que a notoriedade que deste xeito adquire o traballo realizado sirva para acelerar a etapa experimental do proxecto, que polo de agora queda limitado á parte teórica. Con este obxectivo, o grupo de Óptica Física xa está en contactos co Centro Láser de Pulsos Ultracortos de Salamanca, pois “para levar os nosos estudos á práctica precisamos de láseres moi potentes”, apunta Tommasini.