DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organiza un torneo de fútbol sala este martes no Pavillón Universitario do campus

O grupo Pont-e cálzase as botas de fútbol

Ademais de promocionarse, o grupo de estudantes busca fondos para acudir a un congreso sobre novas t

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 16/04/2012

O deporte non podía faltar entre os eventos organizados por Pont-e. Desta volta, este grupo social formado por alumnado de Publicidade e Relacións Públicas e que naceu no berce de Facebook en 2009, organiza este martes un torneo de fútbol sala no Pavillón Universitario do campus, dirixido especialmente á comunidade universitaria, aínda que aberto á participación de toda a cidadanía. Con esta actividade, o grupo Pont-e, dirixido pola profesora Isabel Suárez, busca recadar fondos para que o maior número de integrantes poidan asistir á próxima edición de Nonick, congreso internacional sobre novas tecnoloxías que se celebra en Bilbao en verán.

Ademais de conseguir financiamento para poder asistir a este encontro, Pont-e aproveita cada iniciativa que promove para desenvolver unha campaña publicitaria nos medios online e offline para promocionar o grupo e a actividade, ademais de levar á práctica todos os coñecementos impartidos por Isabel Suárez en Deseño Publicitaria e Multimedia, materia baixo a que se ampara Pont-e. “A finalidade de todas as nosas actividades é sempre ser quen, como futuros profesionais do mundo da comunicación, de deseñar unha acción publicitaria preferentemente a través das redes sociais, co obxectivo de darnos a coñecer e de fomentar a participación na actividade que propoñamos”, explica Sofía Andreu, voceira do grupo. Desta vez, os alumnos e alumnas integrantes de Pont-e organizaron un evento deportivo “que atraese á maior cantidade de mozos e mozas”, de aí que optasen por un torneo de fútbol sala “para contar cun público case asegurado”, engade Andreu. Para a promoción deste Mundialito de Pont-e, os estudantes de último ano de Publicidade desenvolveron unha acción comunicacional polas súas redes sociais, tanto en Facebook como en Twitter, e tamén a través do seu blog, “ademais de crear expresamente un vídeo viral no que o propio Mourinho anima a toda a cidadanía a participar”, describe a alumna.

Toda unha tarde de unión e celebración

Os organizadores prometen unha xornada “de unión e celebración arredor dunha práctica deportiva que interesa a todo o mundo“. O balón comezará a rodar ás 15.00 horas do martes e os equipos distribuiranse en pequenos grupos dos que sairán os clasificados para xogar as eliminatorias e a final, segundo as normas da Federación Galega de Fútbol Sala. “Trátase dunha actividade coa que pretendemos potenciar o traballo en equipo, a compenetración e a igualdade”, apunta Andreu, de aí que se fomente a formación de conxuntos mixtos. Durante os descansos, membros de Pont-e venderán doces caseiros e bebidas “feitos expresamente para a ocasión polos cociñeiros do grupo”, engade.

Grazas ao apoio de patrocinadores como Decathlon ou Futgol, o Mundialito de Pont-e poderá premiar con agasallos aos tres primeiros equipos clasificados. Os vencedores do torneo serán recompensados cunha cena e cun balón de fútbol para cada xogador; cada un dos membros do segundo equipo clasificado recibirá unha equipación deportiva e un balón, mentres que os terceiros gañarán unha camiseta de fútbol.