DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha nova xeración de alumnos e alumnas de 4º de Publicidade reactivan esta plataforma multimedia

O grupo 'Pont-e' volve á acción

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 23/02/2012

Unha nova xeración de estudantes de Publicidade e Relacións Públicas colle o temón de Pont-e. A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acolleu este xoves o renacer dun grupo social con “sede” en Facebook, fundado en 2009 cunha vocación profesional e solidaria polo alumnado de cuarto curso da materia de Deseño Multimedia e que xa conta con máis de tres mil seguidores na rede. A docente impulsora de Pont-e, Isabel Suárez, defendeu que esta iniciativa a través das redes sociais achega unha experiencia práctica próxima á realidade das campañas publicitarias multimedia “converténdose nun importante adestramento antes de saír ao mercado laboral”.

Este novo grupo de estudantes que agora asume a dirección de Pont-e ten para Suárez “un valor especial”, pois cando naceu a plataforma aínda “eran alumnos e alumnas de primeiro curso de Publicidade que decidiron apoiar o proxecto dende os seus inicios, formando parte de todas as iniciativas que organizaban os seus compañeiros de cuarto”. Deste xeito, “toman a batuta os irmáns pequenos”, unha xeración que a profesora calificou de “valiosa e proactiva”, disposta a defender o legado que promocións anteriores construíron.

Espírito de continuidade

Como adiantou a profesora Suárez e Yago Rodríguez, voceiro do grupo, Pont-e continuará coa súa estratexia orixinal: ser “un proxecto que sirva como experiencia práctica e como plataforma de unión e de procura do ben común”. Nesta nova etapa o grupo tentará achegarse máis á cidadanía pontevedresa “abandonando a protección da facultade para gañar presenza na cidade e que nos coñezan como un grupo creativo multimedia”, engadiu o voceiro. Pola súa banda, a profesora Isabel Suárez recoñeceu que o proxecto cada ano se volve máis complexo pola aparición de novas ferramentas online que, “aínda que non se empreguen todas, os docentes temos que dar a coñecer e ensinar a usar aos futuros profesionais”.

Este xoves os alumnos organizaron un acto "de apertura de nova etapa" e de reactivación de Pont-e no que, ademais de renderlle unha homenaxe ao alumno Héctor Anllo, que “creu fielmente no proxecto dende os seus inicios”, tamén aproveitaron para vender doces caseiros “co fin de conseguir financiamento para levar a cabo accións máis ambiciosas na cidade”, sinalou Rodríguez.