DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo REDE pon en marcha o primeiro máster oficial en Galicia centrado na xestión do desenvolvemento sostible

Cunha orientación profesionalizante e multidisciplinar, o prazo de preinscrición ábrese o 1 de xullo

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 27/06/2008
A crecente preocupación pola xestión medioambiental fai cada vez máis necesaria a formación de profesionais multidisciplinares e polivalentes. O máster oficial en Xestión do desenvolvemento sostible responderá a esta demanda a partir do vindeiro curso 2008-09 “nunha perfecta simbiose entre Universidade, administración pública e mundo empresarial”, segundo subliñou Xavier Labandeira, coordinador do programa de posgrao. Organizado polo grupo de investigación REDE (Research in economics, business and the environment), este máster é pioneiro en Galicia e un dos pouco en todo estada que ofrece esta formación oficial de carácter público.
Na actualidade, os temas ambientais son relevantes non só para os gobernos, senón tamén para as empresas e “a crecente lexislación neste eido precisa de novos profesionais capaces de responder a estes requirimentos ao tempo que as entidades optan de motu propio por incluír novos métodos de xestión ambiental”, explicou o profesor do Departamento de Economía Aplicada.
Este interese das empresas polo desenvolvemento sostible responde a unha dobre motivación. Por unha banda, é un tema de imaxe da propia organización pero, por outra, “trátase de optimizar recursos e acadar unha vantaxe competitiva evitando contaminar e eliminando todo o superfluo” explica Pilar Piñeiro, investigadora do grupo REDE. Así, os estudantes deste máster contan cun mercado laboral amplo que demanda técnicos con formación ambiental multidisciplinar e eminentemente práctica “que vaia dende o dereito ata as ciencias pasando pola economía e a tecnoloxía”, destaca Labandeira. Por este motivo, a orientación é principalmente profesionalizante e cubre un oco baleiro no Sistema Universitario Galego con 60 créditos ECTS e 1500 horas de docencia. Xunto con Labandeira e Piñeiro, na presentación deste máster estivo Miguel Rodríguez, profesor na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e membro da comisión académica do máster.
O prazo de inscrición comeza o vindeiro 1 de xullo e permanecerá aberto ata o 8 de setembro, mentres que a matrícula poderá formalizarse a partir do 16 do mesmo mes.

Contidos e destinatarios

Segundo subliña o seu coordinador, a multidisciplinariedade deste máster fai que estea dirixido a titulados tanto do ámbito xurídico-social, como do científico e do tecnolóxico. Porén, a matrícula tamén esta aberta a estudantes que teñen superados máis de 180 créditos de primeiro ciclo, xa que a organización da docencia, de luns a venres de 16 a 21 horas, esixen un alto grao de dedicación. En total, ofrécense 25 prazas, o que “garante a calidade da formación neste máster”.
A docencia, que contará con amplo abano de profesores, tanto do eido universitario como do empresarial, divídese en módulos básicos e módulos de especialización. “Tratamos de responder ás necesidades da empresa e do sector público e creamos unha comisión con xente externa para que explicasen estes requirimentos e, a partir deles, establecemos os contidos dos módulos”, afirma Labandeira.
Esta colaboración co eido empresarial e profesional reflíctese na organización do propio máster, na que toman parte a Xunta de Galicia, que financia un terzo do programa, Iberdrola, Alcoa, Coren ou Tragsa. Estas entidades, ademais de colaborar no financiamento, aportan profesores e facilitan a realización das prácticas que os estudantes deben realizar entre os meses de marzo de maio.
No que se refire aos contidos, segundo subliña o coordinador “dámoslle moita importancia á avaliación ambiental de proxectos e á avaliación ambiental estratéxica, pero tamén á responsabilidade social corporativa, que facilita que o crecemento das empresas non poña en risco o medio no que se insire e aporte algo á sociedade”. Con todo, a programación formativa non deixa de lado un tema moi importante para o futuro próximo, como é a enerxía e o cambio climático. Deste xeito, ofértase unha formación coas características necesarias para converterse nun factor diferenciador nun mercado laboral cada vez máis saturado “neste primeiro ano pensando sobre todo no mercado galego pero nun futuro a un nivel máis ambicioso e co obxectivo de establecer pasarelas con outros másteres, sobre todo de orientación académica”, subliñou.

3º workshop atlántico

REDE desenvolve unha ampla oferta de actividades e eventos baseados no mesmo espírito multidisciplinar sobre o que se asenta o propio grupo de investigación. Unha destas iniciativas é o 3º Atlantic Workshop on Energy and Environmental Economics que, entre o 4 e o 5 de xullo reunirá na Toxa a algúns dos máis importantes investigadores e economistas que traballan nas políticas de cambio climático. Esta terceira edición centrarase na situación posterior ao Protocolo de Kioto e as medidas precisas para afrontar un futuro moito máis restritivo en materia ambiental.
Toda a información sobre o máster e sobre o workshop pode consultarse na web do grupo REDE.