DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo conclúe un estudo pioneiro destes investigadores de Ciencias da Educación e do Deporte

O grupo Remoss constata que a reanimación dun afogado pode comezar na lancha de rescate

Conclúen que a perda de calidade nas manobras realizadas a bordo veríase compensada pola inmediatez

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 11/03/2015

Actuar o máis rápido posible é determinante á hora de incrementar as posibilidades de supervivencia dunha persoa que padece unha parada cardiorrespiratoria. Cada segundo é vital en ámbitos como o rescate acuático, no que unha investigación pioneira realizada polo grupo Remoss vén de constatar que iniciar as manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP) a bordo dunha embarcación de rescate non supón unha perda de efectividade. “A redución da calidade non é significativa para o que gañas coa actuación precoz, polo que compensa comezar a reanimar no barco, sempre que as condicións do mar sexan boas”, destaca o investigador principal, o profesor Roberto Barcala.

As conclusións do estudo realizado por este grupo de investigación con sede na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte veñen de ser recollidas na revista Resucitation, do European Resucitation Council, no que é “o primeiro artigo a nivel mundial sobre se pode facerse ou non unha reanimación sobre unha embarcación de rescate”, como as que empregan os servizos de socorrismo de moitas praias. Neste senso, Barcala incide en que o dos afogamentos é un campo “no que falta investigación e no que aínda non hai suficientes evidencias para saber o que se pode e non se pode facer” en determinados momentos. Por iso, “unha idea tan simple” como iniciar as manobras de reanimación a bordo da lancha antes de chegar a terra non figura nos protocolos de socorrismo. “As recomendacións actuais din que se debe prover ventilación a unha persoa que se está afogando de maneira inminente”, explica Barcala, e isto implica que, en moitas ocasións, cando o socorrista vai nadando, empregue o material de flotación para ir introducindo aire na vítima mentres a leva de volta a terra, Mais hoxe en día, “moitas praias contan con embarcacións de rescate”, como destaca este profesor, que se pregunta por que non aproveitar eses segundos de traslado para iniciar unha manobra “na que a aplicación precoz é un factor determinante”.

Cada minuto que pasa, menos posibilidades de sobrevivir

Preto de 40 socorristas participaron no estudo realizado por Barcala xunto cos investigadores do grupo Remoss Cristian Abelairas, Patricia Gándara e Cristina Jorge e coa colaboración tamén do pediatra e profesor da Universidade de Santiago Antonio Rodríguez Nuñez e do investigador do grupo GIAAS da Universidade da Coruña José Palacios. Analizando as manobras que os participantes realizaban cun manequín a bordo dunha lancha, os investigadores puideron constatar “que a RCP é un pouco peor, perde calidade, pero non de maneira dramática”, o que non obstante se ve suplido pola rapidez de actuación que implica. Non en van, aquelas persoas que sufriron unha parada cardíaca “perden entre un 10% e un 12% de posibilidades de supervivencia por cada minuto que se retrasa a RCP”, destaca Barcala.

De aí que, “sempre que non haxa perigo para os socorristas”, este docente saliente o valor que podería ter iniciar a reanimación no mar naqueles casos nos que puidera haber máis dunha persoa accidentada, “porque aquel que queda no barco pode iniciar a reanimación mentres se rescata ao resto”, ou nos casos daquelas persoas que se atopan máis distanciadas da beiramar. “Imaxina, por exemplo, unha persoa que estea facendo windsurf e que sufra unha parada cardíaca, ao mellor está a tres minutos da terra”, engade ao respecto o responsable do grupo Remoss, que tras este primeiro estudo continúa afondando neste campo de investigación co obxecto de coñecer cal sería a velocidade máis adecuada para trasladar unha vítima á terra ao tempo que se realiza unha RCP de calidade.