DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terceiro galardón por un traballo sobre a influenza da fatiga ao realizar a RCP no ámbito extrahospi

O grupo Remoss, premio nacional de investigación médica deportiva

Achegan probas para o cambio dos protocolos internacionais porque “a repercusión nas vítimas pode se

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 19/02/2013

É un traballo “de gran interese práctico onde se analiza a influenza negativa que ten a fatiga do persoal de salvamento tras un rescate acuático sobre a calidade da reanimación cardiopulmonar”. Por iso o xurado do XV Premio Nacional de Investigación en Medicina do Deporte decidiu outorgar o terceiro galardón á investigación Influenza da fatiga física na calidade da RCP despois dun rescate acuático: impacto do material de apoio no grao de supervivencia, un traballo conxunto encabezado polo grupo Remoss (Rendemento e motricidade do salvamento e socorrismo) da Universidade de Vigo, composto polos investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Roberto Barcala, Cristian Abelairas e Javier Costas. O mérito compárteno con outros catro expertos do grupo GIAAS da Universidade de A Coruña e da Universidad Pontificia de Salamanca. “Foi unha sorpresa. Para nos supón unha motivación moi grande, é moi ilusionante que recoñezan o esforzo que levamos desenvolvendo, pero tamén é importante a repercusión que pode ter a efectos prácticos a investigación, repercutindo positivamente nas vítimas”, subliña Barcala. Os galardoados recollerán o vindeiro mes de marzo o premio, cunha dotación económica de 1500 euros.

Investigación pioneira a nivel internacional

Os protocolos internacionais relacionados coa práctica da reanimación cardiopulmonar están orientados a persoal sanitario, cando na maioría dos casos é levada a cabo por persoal extrahospitalario como bombeiros, policía ou socorristas que teñen que facer un esforzo físico previo. Nun traballo pioneiro a nivel mundial, o grupo Remoss estudou os materiais e as condicións médicas e fisiolóxicas nas que o persoal de salvamento ten que enfrontarse a unha RCP e, segundo as actas do xurado, “demostra que a calidade da reanimación despois dun rescate é moito peor e incluso deficiente que cando o socorrista está en repouso”. O traballo proba que nestas situacións o uso de material auxiliar e mecanismos automáticos de RCP “mellora a eficiencia do rescate e aumenta o grao de supervivencia” dos doentes. “Coas nosas evidencias queda patente que hai que revisar os protocolos porque a repercusión nas vítimas pode ser dramática”, asegura Barcala.

Os números non fallan. Só o primeiro minuto despois do rescate o socorrista é capaz de acadar o 70% de compresións correctas, despois esa porcentaxe baixa ata o 50 ou o 40%, o que diminúe considerablemente as posibilidades de supervivencia do doente. E os protocolos internacionais estipulan que o relevo debe facerse no segundo minuto, “repercutindo negativamente” no ben da persoa rescatada. “Cada minuto que o socorrista retrasa o rescate diminúen nun 12% as posibilidades de sobrevivir en caso de parada cardiorespiratorio, polo que o esforzo físico que debe facer é importante”, recorda o investigador. Por iso a recomendación, ademais do adestramento do RCP por parte dos socorristas, é que o relevo se leve a cabo ao primeiro minuto da reanimación.

Competindo contra 26 investigacións

O xurado deste premio nacional, concedido pola Universidad de Oviedo a través da Escuela de Medicina del Deporte, revisou 26 traballos nos que se valorou o esforzo científico; a calidade e o impacto da investigación; a contribución á xeración, desenvolvemento e aplicación dos coñecementos; o establecemento de pontes entre a investigación básica e a aplicada en beneficio dos pacientes, así como o carácter innovador. O grupo da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, de apenas un ano de vida, quedou no terceiro lugar.

O primeiro galardón foi para a Unidad de Anatomía y Embriología Humana da Universidad de Barcelona que, a través de mostras de sangue de futbolistas do FC Barcelona, prevé a predisposición a certas lesións e o seu tempo de recuperación sen necesidade de contacto, sen intervencións traumáticas. O segundo premio recaeu na Universidade Europea de Madrid e no Hospital Infantil Universitario Niño Jesús de Madrid polo seu programa de adestramento de forza no ximnasio do hospital para enfermos adolescentes, que mellora a súa forza muscular e a súa calidade de vida sen influír negativamente noutros aspectos como o índice de masa corporal.