DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Avaliará aos efectivos da Unidade de Costa e Praia que prestan apoio aos socorristas durante o verán

O grupo Remoss proba a capacidade de rescate da Policía Local de Vigo

A primeira sondaxe dos datos, moi positivos, indica que os axentes “están en boa forma”

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 15/05/2013

Patrullan sobre dúas rodas as praias de Vigo ata ben entrado setembro para realizar labores de seguridade, atención ao cidadán, protección ao medio ambiente ou de apoio aos servizos de socorrismo que velan polo benestar dos bañistas. Son a Unidade de Costa e Praia da Policía Local de Vigo, todos eles conscientes de que para estar preparados ante calquera posible rescate é fundamental un bo adestramento en primeiros auxilios que, ademais de coñecementos, esixe unha axeitada preparación física. O grupo Remoss (Rendemento e motricidade do salvamento e socorrismo) da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra será o encargado de avaliar e determinar a eficacia da intervención dos axentes nun posible rescate, paro cardíaco ou afogamento.

Trátase dun estudo pioneiro no que os investigadores da Universidade de Vigo en colaboración co Concello de Vigo analizarán a intervención non só desde un perfil fisiolóxico, senón que tamén estudarán a calidade da reanimación cardiopulmonar, “establecendo se estes policías están capacitados para intervir e revisando a calidade do RCP cun instrumental de avaliación punteiro”, como asegurou Roberto Barcala, profesor e investigador principal do grupo Remoss. Nove axentes acudiron hoxe ás praias de Samil e Tombo do Gato para someterse a un “test de calidade” no que tamén se terán en conta a lactacidemia, a frecuencia cardíaca ou o tempo de resposta.

Despois da bicicleta, a correr e nadar

Moi sensibilizados tras a traxedia de Orzán (A Coruña), na que hai dous anos morreron tres policías nacionais ao tratar de sacar da auga a un estudante eslovaco, os axentes vigueses viron a necesidade de completar a súa formación con coñecementos sobre como realizar unha correcta reanimación cardiopulmonar, desobstruír vías aéreas ou colocar colariños e taboleiros espinais, ao tempo que adaptaban o seu fondo físico da carreira en terra a un rescate en auga. “A Policía Local de Vigo está interesada en seguir mellorando, optimizando os seus protocolos e avaliando as súas intervencións. Son pioneiros e teñen un recoñecido prestixio nacional pola inquietude na preparación e avaliación de intervención, algo que agora poden facer dende un punto de vista científico a través dos recursos da Universidade”, recoñeceu Barcala.

Para comprobar o correcto adestramento, os municipais pasaron un completo exame baseado nun simulacro de rescate: tras un quilómetro en bicicleta e unha carreira de 50 metros para achegarse á beira da auga, tiñan que nadar 75 metros de ida para coller á vítima, outros 75 metros de volta arrastrando o corpo, levalo 10 metros pola area e realizar a RCP durante uns cinco minutos.

Datos moi positivos

Aínda que queda moito traballo por diante e os datos definitivos non estarán listos ata dentro duns dous meses, a primeira sondaxe é prometedora: os axentes están "en boa forma". Sen embargo, haberá que esperar ao análise estatístico para corroboralo. Mentres, Concello e grupo Remoss xa pensan nunha nova colaboración para os vindeiros meses. “Os axentes seguirán adestrando e practicando ao longo deste tempo e, a mediados de verán, volveremos repetir o exame para ver a evolución”, explicou o profesor.

Xunto a Roberto Barcala, na recollida dos datos deste estudo no areal da Fonte participaron os investigadores Cristian Abelairas e José Luis García Soidán, os alumnos Pablo Domínguez e Pablo Alonso e o coordinador dos Servizos de Socorrismo de Vigo e tamén investigador activo Carlos Vales.

Premio nacional de investigación médica deportiva

Este estudo se enmarca na liña de traballo do grupo Remoss, recoñecida a nivel nacional co XV Premio de Investigación en Medicina Deportiva por conseguir achegar probas que xustifican o cambio dos protocolos internacionais en materia de respiración cardiopulmonar. Aínda que estes están orientados a persoal sanitario, a maioría das RCP son practicadas fóra da contorna hospitalaria despois de ter que facer un esforzo físico por profesionais como bombeiros, policías ou socorristas. O traballo feito polos investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte en colaboración co grupo GIAAS da Universidade de A Coruña demostra que a capacidade do socorrista de acadar as compresións correctas tras un rescate son do 70% no primeiro minuto e do 50% no segundo, polo que a recomendación sería facer o relevo minuto a minuto e non cada dous como contemplan os protocolos internacionais.