DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Por un traballo sobre a influenza da fatiga ao realizar a RCP no ámbito extrahospitalario

O grupo Remoss recolle en Asturias o terceiro premio nacional de investigación médica deportiva

Outras 26 investigacións competiron por este galardón concedido pola Universidad de Oviedo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
DUVI 19/04/2013

Conseguiron demostrar algo moi importante: que “a calidade da reanimación despois dun rescate é moito peor ou incluso deficiente que cando o socorrista está en repouso". Eses foron os motivos que esgrimiu o xurado para darlle o terceiro posto do XV Premio Nacional de Investigación en Medicina Deportiva a un traballo liderado polo grupo Remoss (Rendemento e motricidade do salvamento e socorrismo) da Universidade de Vigo, co que achegan probas que xustifican o cambio dos protocolos internacionais en materia de RCP. Un galardón que o equipo recolleu hoxe nun acto celebrado na Aula Magna do Edificio Histórico da Universidad de Oviedo, institución creadora do certame a través da Escuela de Medicina del Deporte. Este certame premia a investigación Influenza da fatiga física na calidade da RCP despois dun rescate acuático: impacto do material de apoio no grao de supervivencia, un traballo conxunto entre os investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Roberto Barcala, Cristian Abelairas e Javier Costas e outros catro expertos do grupo GIAAS da Universidade de A Coruña e da Universidad Pontificia de Salamanca.

O xurado valorou o “gran interese práctico” do traballo, “onde se analiza a influenza negativa que ten a fatiga do persoal de salvamento tras un rescate acuático sobre a calidade da reanimación cardiopulmonar”. Cunha dotación económica de 1500 euros, o premio supón “unha motivación moi grande” para o grupo Remoss xa que recoñece a “repercusión que pode ter a efectos prácticos a investigación, repercutindo positivamente nas vítimas”. O motivo é que esta investigación pioneira a nivel mundial pode ser o primeiro paso para cambiar os protocolos internacionais relacionados co RCP, que están orientados a persoal sanitario cando na maioría dos casos é levada a cabo por persoal extrahospitalario como bombeiros, policía ou socorristas que teñen que facer un esforzo físico previo. O traballo proba que nestas situacións o uso de material auxiliar e mecanismos automáticos para a reanimación cardiovascular mellora a eficiencia do rescate e aumenta o grao de supervivencia dos doentes.

Tras estudar os materiais e as condicións médicas e fisiolóxicas nas que o persoal de salvamento ten que enfrontarse a unha RCP, o estudo revela que só o primeiro minuto despois do rescate o socorrista é capaz de acadar o 70% de compresións correctas e que despois a porcentaxe baixa ata o 50 ou o 40%, o que diminúe considerablemente a posibilidade de supervivencia das vítimas. E os protocolos internacionais estipulan que o relevo debe facerse no segundo minuto, reducindo un 12% das oportunidades de saír con vida a unha persoa en parada cardiorespiratoria.

Tras o FC Barcelona ou a Universidad Europea de Madrid

O grupo da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte tivo que competir con outros 26 traballos nas que se valorou o esforzo científico, a calidade e o impacto do estudo ou o establecemento de pontes entre a investigación básica e a aplicada en beneficio dos pacientes. O primeiro premio foi para a Unidad de Anatomía y Embriología da Universidad de Barcelona que, a través de mostras de sangue de futbolistas do FC Barcelona, prevé a predisposición a certas lesións e o seu tempo de recuperación sen necesidade de contacto nin intervencións traumáticas. O segundo galardón recaeu na Universidad Europea de Madrid e no Hospital Infantil Universitario Niño Jesús da mesma localidade polo seu programa de adestramento de forza no ximnasio do hospital para enfermos adolescentes, que mellora a súa forza muscular e a súa calidade de vida sen influír negativamente noutros aspectos como o índice de masa corporal.

Os tres gañadores recolleron os seus premios nun acto presidido polo reitor da Universidad de Oviedo, Vicente Gotor, no que tamén estiveron presentes o director de Deportes do Principado de Asturias, José Ramón Tuero; o director da Obra Social de Cajastur, Carlos Siñeriz; e o delegado do reitorado para Deportes, Miguel del Valle. Xa pola tarde, os gañadores ofrecerán unha conferencia sobre o traballo realizado no Centro Cultural Cajastur de Oviedo.