DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As probas e test auditivos realizaranse a vindeira semana na cámara semianecoica

O grupo Sonitum busca oídos dispostos a analizar o son das zanfonas

A finalidade é realizar un estudo sobre as características acústicas deste instrumento

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 07/07/2011
Tradición e innovación tecnolóxica, unha mestura que na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación se presenta baixo o paraugas dun proxecto de investigación. A idea une zanfonas galegas cunha cámara semianecoica para estudar as características acústicas deste instrumento, xa que estas cámaras son un laboratorio onde realizar probas simulando un espazo ideal que non permite interferencias cara ao interior nin influenzas da propia sala no son gravado. Para iso búscanse voluntarios con bo oído que queiran participar a vindeira semana nunha serie de audicións e probas de son e coñecer ao mesmo tempo estas instalacións da escola.

Detrás desta iniciativa está o grupo Sonitum, coordinado por Antonio Pena, que explica que “o estudo consta de dúas partes, na primeira analízanse obxectivamente os parámetros acústicos das diferentes zanfonas e na segunda realizaranse test subxectivos psicoacústicos”. Estes últimos servirán para obter valoracións subxectivas sobre as diferentes zanfonas e determinar relacións entre os descriptores que xurdan nos propios test e os parámetros obtidos nas medidas obxectivas.

Pena explica que se trata dunha colaboración aberta con artesáns e profesores da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo co fin de poder “estudar as características do son da zanfona galega, tentando buscar relacións entre as opinións da xente e as análises automáticas que se fan sobre o sinal de son gravado”.

As probas comenzarán en breve, xa que a primeira quenda de test psicoacústicos se desenvolverá a vindeira semana, entre os días 11 e 15 de xullo, para o que os investigadores gravaron previamente seis zanfonas, que serán agora escoitadas con detalle polos voluntario . Os interesados que queiran participar nestas audicións deben inscribirse na seguinte dirección: http://doodle.com/kdi7rxc6pq86xuzz na que poderán elixir día e hora para achegarse á cámara semianecoica do Laboratorio de Acústica da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.

Con anterioridade o grupo Sonitum xa desenvolveu experiencias deste tipo coa Escola Municipal de Música Folk e Tradicional estudando o son de gaitas, zanfonas e arpas para elaborar unha simulación virtual da mellor disposición da orquestra de música folk e tradicional da propia escola.