DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O concerto celebrouse este xoves no Teatro Vidal Bolaño ao abeiro do 25 aniversario da especialidade

O grupo Sueño de Calíope fai as delicias dos enxeñeiros en Organización Industrial

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Sara Alcázar DUVI 06/05/2010
Con pezas propias e versión recoñecidas como Solo el amor, de Silvio Rodríguez ou Cable a Tierra de Fito Páez, as vocalistas do grupo Sueño de Calíope fixeron as delicias do público, na súa maioría pertencente ao alumnado e profesorado de Enxeñaría en Organización Industrial, que se deu cita este xoves no Teatro Vidal Bolaño para celebrar o 25 aniversario da especialidade.
Cunha brillante actuación vocal, Isabel Álvarez, Andrea Pousa e Dania D`Alfonso ofreceron un repertorio no que fusionaron a música clásica e a moderna, interpretando pezas operísticas como a habanera Carmen ou Questa Notte D`Inverno.
Acompañadas por un piano e arroupadas en todo momento polo público, as compoñentes do grupo atrevéronse tamén con melodías actuais como Fallin de Alicia Keys, unha interpretación que non deixou indiferente aos asistentes.
Este concerto enmárcase dentro da programación cultural do 25 aniversario, na que tamén se inclúen as xornadas técnicas e outras actividades de lecer. Segundo manifestou noutras ocasións o coordinador do programa, Carlos Prado, "esta programación ten un efecto multiplicador grazas á colaboración do estudantado, que se encargou da parte máis lúdica, coma os concertos e os talleres" explicou.

A programación continúa cunha xornada sobre loxística

A programación do 25 aniversario continuará o vindeiro 11 de maio coa celebración da segunda xornada técnica na ETS de Enxeñeiros Industriais. Baixo o título Os enxeñeiros de Organización Industrial na produción e a loxística, profesionais do sector participarán nunha mesa redonda para debater as funcións dos enxeñeiros neste ámbito. Entre os asistentes atópase a directora de Loxística de Caramelo, Marta Longa; o enxeñeiro de Operacións de Pórtico Interiorismo, Jacobo Pardo; o director de Operacións de Forbo, Arturo Iglesias; Javier López Ferreño, responsable de Loxística de Frigolouro; Iñigo Moreira, Logistic Manager de Bioetanol Galicia e Alicia Ferreiro, responsable de produción de Pili Carrera.