DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Disfrazados de mistos e co lema "Eu acendo a vela, e ti?"

O grupo universitario de Amnistía Internacional recolleu sinaturas a prol da Declaración Universal dos Dereitos Humanos

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 11/12/2008

Cunha recollida de sinaturas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, a Universidade de Vigo sumouse á celebración do Día Internacional dos Dereitos Humanos e ao 60º aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos pola Asemblea Xeral da ONU. Disfrazados de mistos co lema: Eu acendo a vela, e ti?, os membros do grupo universitario de Vigo de Amnistía Internacional animaron aos estudantes a asinar a prol da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, “unha aposta visionaria por unha sociedade e un mundo mellor”, asegura Alberto Estévez, voceiro de AI. Sen embargo, seis décadas despois da aprobación da Declaración pola ONU e a pesar de terse avanzado moito respecto á creación de normas, sistemas e institucións de dereitos humanos,” a inxustiza, a desigualdade e a impunidade seguen ameazando a liberdade e a dignidade das persoas”, denuncia Estévez.

Lembranza para Aung San Suu Kyi

As sinaturas recollidas por AI en cidades de todo o mundo a favor da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, tamén solicitan a liberación da premio Nóbel da Paz birmana, Aung San Suu Kyi, quen ao fronte da Liga Nacional para a Democracia (NLD) gañou por ampla maioría as eleccións celebradas en 1990 e a quen o goberno militar birmano mantén detida e baixo arresto domiciliario desde hai case dúas décadas. As sinaturas recollidas ata o momento serán enviadas ao presidente do Goberno, José Luís Rodríguez Zapatero, solicitándolle que as políticas do executivo garantan o efectivo cumprimento da Declaración dos Dereitos Humanos.
“Para AI”, afirma Alberto Estévez, “o respecto aos dereitos humanos debe estar por riba de todo e debe ser unha prioridade na axenda política dos gobernos e autoridades de todo o mundo incluída a Xunta de Galicia”. Precisamente á administración autonómica, AI solicitoulle, en novembro de 2007, un Plan de protección e promoción dos dereitos humanos.

As cifras da vergoña

O último informe elaborado por Amnistía Internacional reflicte que só en 2007, 1252 persoas foron executadas en 24 países, mentres que en outros 81 documentáronse casos de tortura e malos tratos. En 45 países existen presos e presas de conciencia, en 77 mantíñase restrinxida a liberdade de prensa e expresión e en 54 houbo xuízos sen as debidas garantías procesuais.
Para Alberto Estévez “hoxe é máis necesario que nunca o cumprimento da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, xa que en medio da crise económica que sacude ao mundo, as necesidades das persoas máis pobres e indefensas poden caer no olvido”.