DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O xestor do Programa Nacional de Ciencia e Tecnoloxía Mariña gaba a agregación lograda polo CEI

Grupos de investigación vinculados a Campus do Mar acadan cos seus proxectos máis de 2 millóns de euros

Na convocatoria de Proxectos de Investigación Fundamental non orientada do Plan Nacional de I+D+

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 08/11/2011
20 proxectos de grupos de investigación das cinco institucións que promoven Campus do Mar (universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña; Instituto Español de Oceanografía e Centro Superior de Investigaciones Científicas) acadaron 2. 171. 950 euros na convocatoria de Proxectos de Investigación Fundamental non orientada do Plan Nacional de I+D+i que vén de resolverse. Nove destes 20 proxectos de temática mariña e/ou marítima que recibirán financiamento enmárcanse no programa de Ciencias e Tecnoloxías Mariñas; catro en Gandería, Acuicultura e Pesca; tres en Deseño e produción industrial; dous en Biodiversidade; un en Dereito e outro en Bioloxía Fundamental, molecular e celular. “Campus do Mar é unha iniciativa que axudou á busca de sinerxías e converxencias en proxectos comúns a investigadores que de outro xeito traballarían a unha escala máis pequena”, explica Fidel Echevarría, xestor do Programa Nacional de Ciencia e Tecnoloxía Mariña do Ministerio de Ciencia e Innovación que destaca que de entre os nove proxectos enmarcados no programa de Ciencias e Tecnoloxías Mariñas, tres son iniciativas coordinadas. Un traballo en conxunto ao abeiro de Campus do Mar que segundo Echevarría “permite aos investigadores plantearse obxectivos máis ambiciosos e cun resultado mellor que se cada un vai polo seu lado”.

O xestor do Programa Nacional de Ciencia e Tecnoloxía Mariña do Ministerio de Ciencia e Innovación que mantivo este martes no campus de Vigo un encontro co equipo de dirección de Campus do Mar e co reitor da Universidade, Salustiano Mato, tamén ofreceu un relatorio no que baixo o título A investigación mariña en España, realizou unha análise do último Plan Nacional de I+D+i e o seu futuro nun escenario de incerteza como o actual.

Un novo recoñecemento para unha referencia en España en investigación mariña

A consecución de algo máis de dous millóns de euros por parte dos grupos de investigación das institucións que promoven Campus do Mar reforza, en opinión de Fidel Echevarría, a posición de referencia acadada por Galicia en investigación mariña. “Xunto a Cataluña e Andalucía, Galicia ten unha posición moi consolidada e un papel moi importante no panorama nacional na investigación mariña”, explica o xestor de Programa Nacional que tamén lembra que España é a novena potencia en termos de publicacións científicas. “Somos un país cunha capacidade de produción en ciencias mariñas relativamente bo e nese contexto Galicia ten un papel fundamental”, destaca.

Iniciado en 1995, o programa de Ciencias e Tecnoloxías Mariñas, experimentou ao longo dos anos unha evolución na que se reduciu a porcentaxe de propostas aprobadas, pasándose dun 77 a un 55% e na que se incrementou o financiamento por proxecto pasándose dos 110.000 aos 128.000 euros. Echevarría defende esta tendencia que considera “contraria ao café para todos e que aumenta a calidade dos proxectos que pasan un filtro máis esixente”.

Incorporación de persoal investigador aos proxectos

Ao financiamento acadado na convocatoria de Proxectos de Investigación Fundamental non orientada do Plan Nacional de I+D+i, seis dos 20 proxectos de temática mariña e/ou marítima seleccionados, foron elixidos para incorporar persoal investigador en formación, o que lles permitirá dispoñer de investigadores predouitorais. “O Plan Nacional ten unha dobre vía, a das bolsas de investigación de persoal predoutoral coa idea de formalo e que fagan as súas teses e tamén a de solicitar técnicos xa doutores”, explica o xestor do Programa Nacional de Ciencia e Tecnoloxía Mariña que destaca a contribución “humilde dentro das nosas posibilidades” que o Plan pretende realizar ante o grave problema de paro que existe.

Catedrático de Ecoloxía na Universidad de Cádiz, Fidel Echevarría, ten claro que en Galicia e Vigo un campus de temática mariña “era un resultado natural do esforzo que se está a facer nesta zona en investigación mariña, un ámbito no que estamos afeitos á interacción entre grupos e institucións”. Neste sentido destacou que Campus do Mar “ten dimensións máis alá das ciencias experimentais porque implica á tecnoloxía e ás humanidades e tamén ten un forte impacto social”. Como catedrático dunha universidade que forma parte da agregación que conforma CEIMAR, non dubida en asegurar que “estamos aprendendo moito de Campus do Mar” ao que se refire como unha idea fantástica.