DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro do campus aprobou un plan de aforro e eficiencia enerxética

Unha guía para facer de Ciencias Sociais e da Comunicación unha facultade máis sostible

Esta iniciativa insírese dentro proxecto Green Campus

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 28/04/2014

A substitución progresiva das lámpadas existentes por outras de menor consumo, a instalación de sensores de movemento naqueles espazos onde unha luz poida quedar acesa durante horas ou o cambio da porta de entrada para mellorar o illamento térmico son algunhas das medidas incluídas no plan de aforro e eficiencia enerxética que aprobou a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Como salienta o decano, Juan Manuel Corbacho, trátase dun compendio de medidas e liñas de actuación, “froito da experiencia e o uso que dámos ás instalacións e do sentido común”, que ten como obxectivo camiñar cara unha maior sostibilidade e eficiencia no centro.

Neste senso, Corbacho precisou que o documento aprobado pola Comisión de Asuntos Económicos da facultade e impulsado polo vicedecano Celso Cancela engloba unha serie de actuacións que se acometerán ao longo das próximas semanas e contempla tamén a elaboración dun decálogo sobre eficiencia e o aforro enerxético co obxectivo de contribuír á "concienciación do alumnado e do persoal do centro". De feito, este plan foi elaborado co obxectivo de “que serva de guía cara á adopción de medidas concretas e, ao tempo, contribúa ao incremento da sensibilidade dos diferentes colectivos implicados”, segundo se recolle no propio documento, que define o uso racional da enerxía como “un desafío social xeral”.

Este plan de aforro e eficiencia enerxética da facultade foi elaborado atendendo as recomendacións da Unidade Técnica da Universidade e as suxestións do persoal do centro. Por ese motivo, Corbacho explica que esta guía é resultado “da análise do uso que facemos do centro e non dun informe técnico", o que non fai posible “cifrar o aforro que pode supor a implantación destas medidas, pero calquera aforro, por pequeno que sexa, será moi positivo”. A este respecto, o decano incide en que a redución da factura eléctrica da facultade non só suporá un avance desde o punto de vista ambiental, senón tamén na xestión dos recursos económicos. “Calquera aforro que consigamos é unha contía que podemos investir en calquera mellora na facultade”, salienta.

Iluminación, calefacción e illamento térmico

Un dos eixos deste plan son as medidas relativas á redución da enerxía eléctrica que se destina á iluminación. Por iso, explica Corbacho, procederase “á progresiva instalación de lámpadas que reduzan o consumo e se estudará a eliminación daqueles puntos de luz que non sexan fundamentais”. Así mesmo, o plan contempla a colocación de sensores de presenza naqueles espazos nos que existe a posibilidade que a luz permaneza acesa máis tempo do necesario, como lugares de paso ou aseos, e a instalación de mecanismos de corte total de electricidade en aulas de informática ou laboratorios.

Por outra banda, co obxectivo de promover un uso máis eficiente do sistema de calefacción, estanse a acometer os traballos de mellora do illamento térmico do acceso principal ao centro, onde se instalará unha porta de apertura automática coa idea de “reter mellor o calor, xa que actualmente este e un punto polo que entra moito frío”, apunta Corbacho. Ademais, o plan contempla a redución da altura dos teitos en determinadas partes da facultade ou a optimización duns sistema que permita un control diferencial da temperatura por habitacións ou zonas.

Xunto a esta serie de medidas, o plan inclúe criterios de actuación como que a adquisición de materiais no centro se realice de xeito acorde “cos criterios de eficacia e eficiencia enerxética estandarizados” ou o fomento dun maior aproveitamento da luz natural. Tamén recolle “o desenvolvemento, xa máis a medio prazo, de actividades informativas para a sensibilización do alumnado e do persoal do centro”, apunta Corbacho.

Unha humilde achega ao Green Campus

Por outra banda, Corbacho destacou que este plan permite que “a facultade contribúa humildemente cunha iniciativa propia ao proxecto Green Campus”, que busca obter para o campus pontevedrés a Bandeira Verde que outorga a FEE (Foundation for Environmental Education) como recoñecemento ás actuacións en materia de xestión e educación ambiental. Así mesmo, segundo se recolle no plan, con esta medida preténdese tamén dar continuidade a medidas adoptadas nos últimos anos, como a instalación de paneis solares ou de válvulas termostáticas no sistema de calefacción.