DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O voceiro do BNG participou no Foro Galego de Economía e Empresa

Guillerme Vázquez avoga pola instauración dunha economía autocentrada para saír da crise

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 18/11/2010

“Galicia pode xerar por si mesma os recursos precisos, aínda no momento de recesión que atravesamos, para cubrir as necesidades dos seus cidadáns en todos os ámbitos”. Con esta contundente afirmación iniciou Guillerme Vázquez, voceiro nacional do BNG, o relatorio que ofreceu ao abeiro do Foro Galego de Economía e Empresa. Acompañado por Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e polo profesor Santiago Lago, organizador do foro, o político galego sinalou que o que realmente precisamos para saír da crise é un maior nivel de autogoberno que permita facer contrapeso ás decisións do goberno central, xa que “as súas consecuencias son nefastas e o único que acarrean é incremento da emigración, despoboación do rural e avellentamento da poboación”. Dende o BNG, a alternativa que ofrecen é a instauración dunha economía autocentrada, que opere en función da defensa dos intereses nacionais, como é o caso de Alemaña, que pensa prioritariamente nas súas necesiaddes, pero non por iso é autárquica.

O segundo elemento clave para afortalar o sistema produtivo é unha política económica radicalmente diferente da que agora se está a levar a cabo. Segundo o voceiro do BNG, o que debería facerse é “pensar máis nos grandes grupos sociais e menos nos sectores minoritarios e privilexiados”, que son os que agora se benefician das decisións do goberno. Neste sentido, referiuse á escasa capacidade dos nosos líderes autonómicos para loitar por Galicia e “evitar a narcotización e confusión da poboación”.
Para Vázquez, os problemas da nosa comunidade complicáronse máis coa entrada na Unión Europea, que supuxo a perda de poder dos nosos sectores estratéxicos, como son o agrogandeiro, pesqueiro e naval, cedéndolle campo de acción a outros países como Dinamarca e Francia.

Con respecto á polémica suscitada en torno á reforma laboral, Vázquez considera que o único que trae consigo é o despido máis barato, de modo que “non consegue crear nin máis nen mellores empregos”, algo que poñen de manifesto os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística. Vázquez lembrou que desde o primeiro momento o seu grupo opúxose radicalmente a estes cambios no sistema de contratación ao igual que o fixo coa reforma das pensións, que consideran innecesaria.

O fomento do debate público

Tras agradecer as facilidades dadas polo voceiro do BNG para participar no foro, Santiago Lago apuntou á necesidade de eventos deste tipo de cara a favorecer a transferencia de coñecementos dende a Universidade cara o mundo da política e da toma de decisións públicas. O profesor considera que “o mundo académico pode apotar solucións e argumentos moi positivos neste sentido”.
Do mesmo xeito, Lago puxo de manifiesta a falta de correspondencia entre o nivel de competencia e autogoberno que Galicia ten e o nivel de análise e de debate público que se fai dos grandes asuntos do país.