DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Carla Cravo Gaspar afonda na súa tese de doutoramento na utilidade educativa desta rede social

Un 'Gústame' ao uso de Facebook no ensino

A docente lusa centrou o seu interese no caso dos adolescentes

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 09/04/2014

Os adolescentes de hoxe en día, explica a docente Carla Cravo Gaspar, medraron con Internet e trátana de ti a ti, con naturalidade. Mentres os adultos tiveron que aprender a usala e adaptar os seus hábitos a ela, para os mozos e mozas a rede sempre estivo presente na súa vida cotiá. Esta diferenza supón unha brecha entre xeracións que nas aulas adquire unha vital importancia porque supón vivir de costas á realidade dese alumnado e á súa forma de comunicarse, de estar permanentemente conectados e de aprender. Fronte a esta situación, na súa tese de doutoramento, a docente lusa propón afondar na potencialidade educativa da principal rede social, Facebook, e aproveitala como ferramenta para a aprendizaxe colaborativa e cooperativa. “Os centros educativos e as familias non poden agochar a cabeza fronte a esta situación. Teñen que enfrontarse a este desafío”, subliña a investigadora.

Máis motivados

Cravo Gaspar, docente en Portugal, presentou recentemente a súa tese na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense baixo a dirección da profesora Manuela Raposo e co título O valor social e educativo do Facebook. O punto de vista dos adolescentes. Para o seu estudo, apunta, realizou enquisas, entrevistas de grupos e observación participante en aulas de Ensino Básico e Secundario de escolas do distrito portugués de Coimbra entre os cursos 2010/2011 e 2012/2013. Participaron un total de 391 adolescentes a partir de 13 anos, 213 rapazas e 157 rapaces, e a rede elixida para a análise foi Facebook por ser a de uso maioritario en Portugal, ao igual que en España. “Podemos dicir que as redes sociais, en canto ferramentas da web 2.0, posibilitan diversas oportunidades para a creación dun ambiente de aprendizaxe cooperativa e colaborativa. Os estudantes senten máis motivación e estímulo para levar a cabo as actividades propostas e o resultado é francamente positivo, segundo o estudo realizado. É interesante promover o Facebook como unha ferramenta para o traballo dos docentes, visto que só lle dan capacidades en aspecto lúdico, descoñecendo o potencial que ten como ferramenta de traballo na aula”, comenta a investigadora.

Segundo os datos recollidos na tese, para o que máis empregan os mozos e mozas esta rede social é, con diferenza, a conversa. Séguenlle usos como compartir imaxes e vídeos, investigar, xogar, coñecer novas persoas e oír música ou ver películas. Sobre a utilidade de Facebook, os estudantes teñen opinións diversas, desde os que consideran esta rede como unha ferramenta importante nas relacións sociais fronte a outros que a recoñecen como un vehículo para ter unha mala conduta. Neste senso, os alumnos divídense entre os que din que Facebook é unha ferramenta importante para "coñecer a outras persoas de diferentes culturas que pode servir para crear novas amizades, socializar e entreter" e os que din que pode ter desvantaxes significativas se se emprega de forma inconsciente. “No que si coincide unha gran maioría é en considerar que as redes sociais son importantes na divulgación e progreso social, xa que ademais de ser eficaz permite compartir aspectos culturais sen saír de casa”, sinala a investigadora lusa.

Unha guía para uso educativo

Ante esta situación, a docente propón na súa tese unha Guía para o uso educativo de Facebook, aplicable a alumnado de calquera país. Nela, articula unha serie de indicacións entre as que están incentivar aos alumnos a seguir as directrices de Facebook; estar ao tanto das súas actualizacións de seguridade e privacidade; facer titorías ás familias sobre o uso e control desta canle; fomentar o seu uso como recurso de desenvolvemento profesional para os docentes; adoptar nas aulas os estilos de aprendizaxe dixital, social, móbil e “sempre conectado” dos alumnos; usar as páxinas e os recursos de grupos do Facebook para comunicarse co alumnado e familias e axudar a desenvolver e seguir a política da escola sobre o uso das redes sociais. Docentes e alumnos, comenta Cravo, deben familiarizarse e explorar esta ferramenta, minimizando así a distancia de comprensión do seu uso e posibilitando unha clara exposición sobre como se utiliza axeitadamente a rede. A autonomía que predomina na forma en que os máis novos se apropian das novas tecnoloxías, advirte, e a forma en como aprenden sós a usar esta tecnoloxía, superando aos adultos, ofrécelles aos adolescentes un sentido de independencia que lles concede un poder sobre o que hai que mediar desde un punto de vista educativo.

"É de extrema importancia o coñecemento tanto das limitacións como das posibilidades das redes sociais e da súa constante reconstrución no universo cibernético para que as accións pedagóxicas poidan ser activas e comprometer aos estudantes, respondendo eles cunha nova conduta no proceso de ensino e aprendizaxe”, comenta Carla Cravo. En lugar de lamentarnos, apunta, do estado das cousas, da dirección que a sociedade está a tomar ou do dano resultante da chegada de Facebook ás nosas vidas, “é necesario que reflexionemos sobre aquilo que (non) estamos a facer coas nosas habilidades sociais”. Segundo explica, a participación dos adolescentes en contornas virtuais novas é unha realidade moi intensa, sendo a comunicación o máis destacado desta influencia, aínda que sexa unha comunicación pouco produtiva e caracterizada polo "estar conectado". Internet, lembra, ofrece un ambiente estudantil moi rico en contidos audiovisuais de todo tipo. "Non hai precedente na historia humana que fixese posible tanta facilidade para estudar. Se estes mozos e mozas aproveitan isto, a ganancia será enorme. E neste senso, o uso das redes sociais na educación pode beneficiarse das súas moitas potencialidades como un espazo de interacción e intercambio, para responder aos intereses dos estudantes e ao mesmo tempo, fomentar a aprendizaxe colaborativa”, afirma por último a investigadora.