DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Patricia Reboreda desenvolve prácticas na Biblioteca Central do campus:

"Gústame este traballo porque está relacionado coa lectura"

Ao abeiro do convenio de colaboración entre a Universidade e a Asociación Down Pontevedra Xuntos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 23/02/2010
Patricia Reboreda é unha moza de Redondela de 20 anos, cos mesmos hábitos de lecer e estilo de vida que calquera moza da súa idade. O que a fai excepcional é o seu enfrontamento diario coa discapacidade intelectual que posúe e para o que conta co respaldo da Asociación Down Pontevedra Xuntos. Deste xeito, na súa vida cotiá compaxina o ocio cos amigos, ir ao fútbol e as clases de natación coas actividades de formación e apoio da asociación. Ao longo do mes de febreiro incluíu nesa rutina o traballo na Biblioteca Central do campus de Pontevedra, onde desenvolve prácticas laborais ao abeiro do convenio asinado pola Universidade, a través da Oficina de Voluntariado e Integración do campus, e Xuntos. Este convenio ten como finalidade a integración social e laboral de persoas con discapacidade intelectual, promovendo a adquisición de experiencia nas tarefas propias dos servizos universitarios. No caso de Patricia o programa parece estar funcionando á percepción, pois os seus titores destacan a súa facilidade para adaptarse ao traballo con rapidez e ela mesma se mostra entusiasmada coas prácticas, porque "están relacionadas coa lectura" e, segundo explica, "encántanme os libros, sobre todo de aventuras". Ademais, algo que é moi importante, di levarse ben cos compañeiros, nos que atopou axuda e apoio, e sobre todo coa súa xefa, Laura González, a directora da biblioteca.

Apoio fronte ás dúbidas e medos das primeiras experiencias laborais

No último mes Patricia Reboreda incluíu nos seus quefaceres habituais as tarefas propias dunha auxiliar de bibliotecas. Todos os mércores e venres de febreiro chega á primeira hora da mañá á Biblioteca Central do campus e o primeiro que fai é colocar a prensa. Deseguido diríxese á sala de catalogación e colócalle a banda magnética, o selo, a etiqueta e a folla de devolucións aos libros novos. Encárgase tamén de ordenar alfabeticamente os libros nas estanterías, o que se pensaba que lle ía custar máis, polo que comezou as prácticas acompañada pola súa preparadora laboral, Ángela Patricio. "Con Patricia foi todo moi ben desde o principio e a verdade é que non precisa axuda, polo que xa pode vir ela soa a traballar", valora a orientadora.
Ángela Patricio explica que o traballo con Patricia forma parte do Servizo de emprego con apoio que ofrece a Asociación Down Pontevedra "Xuntos" (integrada na Federación Galega de Institucións para a Síndrome de Down, formada por 8 entidades en Galicia), avalado pola Consellaría de Traballo. "Este programa ten como obxectivo principal a integración laboral de persoas con Síndrome de Down ou con outras discapacidades intelectuais", sinala a orientadora, que destaca como característica novidosa a figura do preparador laboral. "Ofrecemos apoio in situ no propio posto de traballo e actuamos como mediadores entre o traballador e a empresa para resolver todo tipo de dúbidas, conflitos ou medos", expón. Entre as súas funcións está tamén a de buscar estratexias para facilitarlle o traballo á persoa con discapacidade e asegurar o seu bo rendemento, buscando adaptacións específicas se é preciso. O respaldo comeza no quefacer diario da asociación, logo trasládase ao posto de traballo cun apoio inicial intensivo, que se vai retirando conforme o traballador vai acadando unha adaptación natural ás súas tarefas e ao ambiente laboral.

Formación en habilidades sociais e autonomía

Con anterioridade Patricia desenvolveu xa a través deste servizo prácticas nun supermercado e malia que di que lle gustan os dous traballos, parece máis entusiasmada co actual porque, segundo explica, lle gustan os libros. Así e todo, conta que a súa maior ilusión é traballar con nenos pequenos. "Dánseme ben os nenos e gustaríame traballar na educación preescolar", sinala, polo que afirma que a miúdo acompaña a unha compañeira da asociación que é mestra ás súas clases para axudarlle e facer prácticas cos cativos.
No camiño de cumprir eses obxectivos, ademais deste programa directo de apoio para a súa integración laboral, en Down Pontevedra, Patricia asiste a clases de formación en grupo para traballar habilidades sociais, habilidades da vida diaria, como cociñar e realizar tarefas domésticas, e outros aspectos relevantes para acadar unha maior autonomía. Así mesmo, vai a clases de pintura, un dos seus maiores hobbies.
A maior parte do seu tempo libre pásao en Redondela, onde vive coa súa familia -os pais, os avós e un irmán un ano menor- e cultiva outra das súas maiores afeccións, asistir aos partidos de fútbol dos equipos locais. Dos equipos grandes confesa que é seareira do Real Madrid e do Celta de Vigo, pero se se enfrontan entre si teno claro: "apoio ao Celta porque son galega".