DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No II Ciclo de Escritores na Universidade

Gustavo Pernas e Rubén Ruibal afondan na realidade do teatro en Galicia

O xénero narrativo na actualidade pechará o ciclo de mesas redondas

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Lucía Costas DUVI 23/10/2008
O teatro foi o xénero a debate na segunda mesa do Ciclo de Escritores na Universidade que organiza a Asociación de Escritores en Lingua Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Facultade de Filoloxía e Tradución. Os dramaturgos galegos Gustavo Pernas e Rubén Ruibal foron os protagonistas da segunda sesión do ciclo centrada no teatro, un xénero, segundo eles, "pouco atendido no noso país". Coa participación destes dous escritores deuse presenza as distintas xeracións do teatro actual que son, á vez, distintas sensibilidades e maneiras de achegarse a este xénero. Deste xeito o público, moi activo, tivo a oportunidade de ter de preto a dous creadores literarios “abertos á tradición e á modernidade das artes escénicas”, explicaba o profesor M. Forcadela encargado de presentar o acto.
A identidade do teatro galego foi o tema que abriu o debate. Pernas e Ruibal coincidiron na existencia dunha crise identitaria, “o teatro é un xénero descoidado tanto no sistema educativo como por parte das editoriais”, sostiña Ruibal. As fronteiras entre os diferentes xéneros non están ben definidas así como tampouco a figura do dramaturgo, “os autores teatrais somos fronteirizos; o dramaturgo é un funambulista”, subliñaba Pernas "o autor lidia con diferentes habilidades e artes creamos intriga, misterio, gústanos as tramas, somos poetas e iluminadores” continuaba. Ambos destacaron a dificultade de escribir e publicar teatro galego para un mercado moi cativo, “a solución sería quizais unha ampliación do mercado de lectores a áreas lusófanas”, propoñía Gustavo Pernas.
Outro asunto tratado foi o do dobre destinatario deste xénero. En xeral, apreciamos o teatro pola posta en escena, xa sexan obras mellores ou peores, pero en realidade os textos teatrais son creados tamén para ler, sendo precisamente o lector o primeiro director en escena dos textos dun dramaturgo. No caso de Rubén Ruibal e Gustavo Pernas, os dous escriben con esa dobre finalidade, pero prefiren pór máis fincapé no lector, “o teatro é a diagonal entre a poesía e a narrativa, e nós debemos ler sobre esa diagonal”, explicaba este último. Neste senso, fíxose tamén un chamamento a crear un hábito de lectura neste campo literario, para o cal resulta esencial a unión da labor de tres piares básicos: o creador, as institucións e os medios de comunicación.
O teatro de texto e de espectáculo, o teatro e a lingua e a presenza do xénero en medios como a televisión ou Internet foron outras cuestión tratadas na mesa redonda.

Próxima cita

O vindeiro xoves 30 de outubro, baixo o título O xénero narrativo na actualidade, celebrarase a última das mesas redondas que compoñen o II Ciclo de Escritores na Universidade. De novo a cita será no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución ás 12.00 horas. A finalidade destes debates, organizados pola Asociación de Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Facultade de Filoloxía e Tradución, é coñecer, non só a situación dos xéneros poético, teatral e narrativo na actualidade, senón a actitude e a opinión dos creadores de literatura galega ao respecto. Trátase dunha actividade que permite a comunicación directa entre os nosos escritores e a sociedade.