DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Gustavo Rodríguez convértese no primeiro doutor da Área de Fisioterapia da Universidade

Coa tese “Motivación, estratexias de aprendizaxe e rendemento académico en estudantes de ESO”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Camino Carballeira DUVI 05/06/2009

Non hai un único motivo que alente a aprendizaxe e o rendemento dos estudantes de ESO. A resposta é variada, responde a un conxunto de razóns e ser consciente disto pode axudar aos docentes no seu achegamento aos alumnos. A detección deste perfil motivacional é unha das novidades que Gustavo Rodríguez Fuentes, profesor da EU Fisioterapia, introduciu na súa tese, Motivación, estratexias de aprendizaxe e rendemento académico en estudantes de ESO, que o converte no primeiro doutor da Área de Fisioterapia da Universidade.
Cada fisioterapeuta fai un camiño distinto para introducirse no campo da investigación. Cun título en Ciencias da Educación e a licenciatura en Psicopedagoxía, o traballo de Rodríguez enmárcase nun grupo de investigación da Universidade da Coruña. O proxecto desenvolveu tres instrumentos diferentes para valorar as metas académicas e as estratexias de aprendizaxe e empregou datos das cualificacións reais de 524 estudantes de ESO. Entre o amplo abano de motivos que guían os estudantes na súa aprendizaxe, Rodríguez destaca o feito de aparecen algúns “que non se contemplaban ata agora como os de recompensa externa, conseguir un bo traballo ou a valoración da xente máis querida polos mozos”.
A cuestión entronca directamente co fracaso escolar e a conveniencia ou non de traballar por un sistema de ensinanza máis personalizado. Ao respecto Rodríguez sinala que o estudo incide no tema do fracaso “en canto que os profesores tamén teñen algo que dicir e poder facer algo analizando os diferentes motivos de cada alumno e en función deles, axudalos a ver outras posibilidades”. O caso da ensinanza personalizada é máis complicado porque “afectan moitas variables e antes habería que estudar, por exemplo, se os profesores están adaptados a ensinanzas dese tipo”.

Punto de inflexión

O propio doutor sinala este como un punto de inflexión e indica que estes anos serviron para “situar os coñecementos e centrarme outra vez en como podo empregalos”. Ademais de dar clase en Fisioterapia, Rodríguez imparte docencia na licenciatura en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e ten plans para “desenvolver investigación ligado a eles e ao ámbito educativo, como docente que son” en proxectos que aínda están por concretar.

A particularidade dos fisioterapeutas

Salvo que a vía da práctica clínica sexa a única que se contemple, o caso dos fisioterapeutas implica realizar outros estudos, incluso á marxe das Ciencias da Saúde, para poder realizar un doutoramento. É por iso que un dos aspectos nos que Rodríguez se centrou durante a súa etapa na dirección da escola foi en “facer ver a situación especial da xente de Fisioterapia” e desenvolver axudas para levar a cabo unha tese.
Precisamente por iso considera que para Fisioterapia “Boloña abre unha vía que tiñamos moi limitada”. “É certo que á xente que só lle interesa o campo profesional clínico lle supón un ano máis de estudos, pero ábrelle moitas outras portas”, explica.