DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Domadores, pallasos e leóns para celebrar a festa de entroido na Escola Infantil

Había unha vez un circo que aledaba sempre... o campus

O equipo docente preparou unha función na que tamén participaron os pais e nais dos nenos e nenas do

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
DUVI 19/02/2015
O entroido chegou á Escola Infantil do campus disfrazado de circo. Os rapaces e rapazas do centro aproveitaron estas datas para celebrar a súa particular festa transformados en artistas do gran circo da risa para facer pasar a pais, nais e todos os familiares que os acompañaran unha tarde diferente e entretida. Suspendida a semana pasada por motivos meteorolóxicos, a Escola Infantil retomou este mércores unha función na que non faltou ningún dos protagonistas principais do circo: domadores e pallasos, papel que representaban os nenos e nenas de maior idade do centro, compartiron escenario cos leóns encarnados polos máis pequenos.

Cos arredores da escola convertidos nunha gran carpa circense, os rapaces e rapazas participaron nun particular desfile pola zona verde do campus acompañados polo equipo docente e cos pais e nais “pechando filas e facendo de escolta” cos máis pequenos no colo. Despois de lucir os disfraces, esperaron agochados entre bastidores a que o ansioso público ocupara os seus asentos e gardase silencio para que as animadas presentadoras foran chamando a cada un dos grupos. Unha vez todos xuntos sobre o escenario era o momento de deixar saír a vea máis artística de cada un para cantaruxar e bailar a canción tradicional galega ‘O galo canta’.

Quenda dos equilibristas

Os rapaces e rapazas da Escola Infantil non foron os únicos que encheron de cor o campus. Despois da actuación estelar dos nenos e nenas e de ir sentarse a carón das súas familias, o equipo docente tomou o relevo e preparou unha entretida función na que os equilibristas, malabaristas, pallasos e mimos foron os protagonistas. Para este segundo acto buscaron a colaboración de pais e nais, que subiron ao escenario para ser vítimas de numerosas bromas, dende sentarse enriba dun globo nunha cadeira ata facelos saltar á corda cos ollos pechados... e sen corda. Risas xeneralizadas e moita tensión cando os dous mimos se achegaron ata o público con dúas tortas de nata na man para estampar na cara... cada un ao outro. Música e ‘photocall’ para rematar a xornada.

A festa supuxo o broche de ouro a todo un mes no que a celebración do entroido foi a temática cultural sobre a que os nenos e nenas traballaron na aula, facendo disfraces, aprendendo cancións, coñecendo tradicións e, sobre todo, pasándoo ben.