DUVI

Diario da Universidade de Vigo

432 persoas achegáronse aos postos dos Martes ConVida durante a súa celebración

En hábitos de saúde, a comunidade universitaria sabe a teoría pero cústalle aplicala

Deberían incrementar o consumo semanal de froitas, verduras e legumes

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 10/05/2012

Cada martes durante as últimas semanas e en cada ocasión nun edificio diferente, o proxecto Campus ConVida situou dous postos que tiñan por obxectivo analizar e divulgar os hábitos de vida saudables entre a comunidade universitaria. Esta semana a Biblioteca universitaria acolleu a súa última sesión e chegou momento de facer balance. En total, pasaron polos chamados Martes ConVida 432 persoas ás que se lle analizou a súa dieta, as súas condicións físicas xerais e ás que se lle ofreceu información sobre como mellorar a súa saúde física e mental.

Segundo os primeiros datos obtidos, dos 432 participantes 372 foron estudantes, 35 docentes e investigadores e 25 persoal de administración e servizos, sendo a distribución por sexos un 61,8% mulleres e un 38,2% homes. A información recollida nos stands será analizada en detalle pero Julia de la Montaña, docente encargada do apartado de nutrición da iniciativa, adianta que a impresión xeral é bastante positiva, “máis do que esperábamos”. A pesar desta impresión xeral, advirte, “a comunidade universitaria sabe bastante ben a teoría pero cústalle máis aplicala”.

Deste xeito, apunta, cando os participantes tiñan que cubrir nos postos un cuestionario para ver a adherencia da súa alimentación á modélica dieta mediterránea, os propios implicados recoñecían de partida que deberían comer máis froita e verdura, entre outras cuestións. “As persoas saben o que deberían facer pero logo na práctica toman unha peza de froita e verdura ao día en vez das 5 recomendables ou comen só un día á semana legumes, cando deberían facelo dúas ou tres veces”, explica Julia de la Montaña. Alén deste perfil xeral, a docente destaca que tamén se viron gratamente sorprendidos porque tamén atoparon persoas que teñen unha dieta moi boa, habendo puntuacións de 11 sobre 12, que sería o ideal.

Continuidade o vindeiro curso

Esta impresión é compartida polo segundo posto do Martes ConVida, o centrado na análise xeral das condicións de saúde, onde dúas enfermeiras realizaron aos asistentes medidas de pulso, tensión arterial e glicemia, indicándolles se os índices requirían visitar a un médico ou se estaban dentro do parámetros habituais. Sobre os seus resultados a docente da Escola Universitaria de Enfermaría Reyes Pérez, coordinadora desta área dos postos, salienta que, en xeral, a saúde das persoas que revisaron eran boas, como corresponde á idade e características da comunidade universitaria.

Polo éxito desta iniciativa, desde o Campus ConVida, financiado pola Vicerreitoría do campus de Ourense e o Consello Social da Universidade de Vigo, agardan que o vindeiro curso esta actividade teña continuidade e se amplíe, coa súa celebración noutros campus da Universidade, e con novos contidos e accións dentro dos postos.