DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola Rede de Cátedras Telefónica, celebrarase simultaneamente en 25 universidades

O HackforGood regresa esta semana ao campus cunha edición “especial centenario”

Arranca este xoves 14 e alongarase ata o sábado, baixo o lema ‘Imaxinemos un mundo máis sostible'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
DUVI 11/03/2024

O HackForGood, un dos hackatons máis populares de España, regresa esta semana de xeito simultáneo a 25 de universidades de 16 cidades de todo o Estado na que será a súa novena edición. Organizado pola Rede de Cátedras Telefónica, este evento reta a estudantes universitarios a traballar en equipos na procura de solucións innovadoras a retos sociais relacionados coas necesidades das persoas e facendo fincapé nos Obxectivos de Desenvolvendo Sostible, ODS.

A Universidade de Vigo é unha das 25 institucións académicas participantes nunha edición “especial centenario”, xa que coincide coa celebración dos 100 anos do nacemento de Telefónica, e na que tamén colaboran a Fundación Hazloposible e Fundación Telefónica, a través de Campus 42 e Voluntarios Telefónica. A competición terá lugar entre o xoves 14 e o sábado 16 e, no caso de Vigo, celebrarase no Teatro Vidal Bolaño do campus. 

Esta edición do maior hackaton con fins sociais que se celebra en España ten como lema Imaxinemos un mundo máis sostible. A idea é que as e os estudantes matriculados en calquera grao ou mestrado impartido nas universidades inscritas se convertan en hackers ‘ForGood’, en hackes bos que, como explican dende a organización, son “persoas novas, entusiastas, positivas, con ideas e iniciativa ante o reto de resolver aqueles problemas que aínda ninguén foi quen de resolver, e facelo a través de solucións innovadoras”. Ao longo das tres xornadas, as persoas inscritas traballarán en equipos multidisciplinares, unindo coñecementos de diferentes ramas e coa axuda de mentores e voluntarios de Telefónica. O reto ao que terán que dar unha resposta poderán elixilo entre unha lista de propostas que se poderá consultar na web do evento. Unha vez arranque o hackaton, disporán de 48 horas para desenvolver unha proposta innovadora que deberán presentar ante o xurado e o resto de equipos participantes. 

O hackaton arrancará o xoves 14 pola tarde, para continuar o venres ao longo de todo o día e concluír o sábado pola tarde coa presentación dos traballos e entrega de premios.  

A organización agarda 1000 participantes entre todas as sedes

Aínda que o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o propio día 14, a previsión da organización é que participen no evento preto de 1000 mozos e mozas, entre todas as sedes. O que se busca é que, en cada unha delas, as e os participantes traballen de xeito colaborativo en grupos de ata 8 membros, unindo coñecementos de diferentes eidos e disciplinas para “buscar solucións tecnolóxicas cun fin social, para construír unha contorna máis sostible, inclusiva e dixital”, como subliñan dende a organización.

Ademais de como hacker, tamén se pode participar neste evento como retador, é dicir enviando un reto a través da web de HackForGood ou propoñendo un problema social. 

50.000 euros en premios

HackforGood conta con tres niveis de competición: un local, cun equipo gañador en cada sede; outro nacional e unha última fase que se celebra meses despois, na que compiten os tres equipos gañadores nacionais e o primeiro equipo gañador de cada sede ou cidade. A dotación total entre todas estas categorías ascende a 50.000 euros. No caso de Vigo, o proxecto gañador da fase local recibirá 1000 euros, o segundo clasificado 600 euros e o terceiro 400 euros. Ademais, a organización tamén outorga catro premios temáticos, dotados de 500 euros cada un, aos mellores proxectos de innovación enerxética e ambiental; de innovación social, de innovación e responsabilidade social empresarial e, finalmente, de transformación dixital. 

Á fase nacional concorrerán os tres primeiros clasificados de cada sede, que optarán a premios dotados de  2000, 1000 e 500 euros e ademais terán a posibilidade de continuar cos seus proxectos durante uns meses para poder logo presentalos aos Premios HackForGood Big Day, que se celebran un ano despois na sede de Telefónica en Madrid e que reparten tres galardóns de 6000, 2000 e 1000 euros.

No que atinxe ás valoracións, os xurados terán en conta a formación de equipos multidisciplinares que inclúan todo tipo de perfís, dende deseñadores, informáticos ou enxeñeiros, ata sociólogos, emprendedores sociais, etc... Tamén se valorará a creatividade e innovación das soluciones propostas, o grao de acabado conseguido durante o hackaton e o seu impacto social.