DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves inaugúrase na Sala X a mostra 'Elas fan tech' que recompila o traballo de 12 artistas

Hai mulleres... que exploran as posibilidades expresivas da tecnoloxía

Segundo a comisaria Ángela Caramés se pretende “ofrecer unha imaxe non estereotipada do uso desta fe

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 20/11/2013

Que as mulleres utilizan os medios tecnolóxicos é unha evidencia que tamén se pon de manifesto na creación artística. Aínda así, Ánxela Caramés, a comisaria da exposición Elas fan tech que se inaugura este xoves 21 de novembro na Sala X, apostou por seleccionar un grupo de artistas que empregan a tecnoloxía na súa produción artística para “ofrecer unha imaxe non estereotipada do uso desta ferramenta, que tradicionalmente foi considerada masculina, dado que tradicionalmente non se relaciona á muller con traballos tecnolóxicos”. A mostra que poderá visitarse ata o 17 de xaneiro está integrada por 11 obras dunha docena de artistas españolas e internacionais, entre as que se atopan Victoria Diehl, Bego M. Santiago, Yasmina Morán e Inés Parcero, formadas na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

A través de novos medios electrónicos e dixitais, as artistas que participan en Elas fan tech formulan propostas que buscan a interactividade co espectador para que este interveña, xogue e se implique nas obras que se lle amosan. “Hai propostas para tocar un botón, pódese xogar e interactuar e tamén o público pódese mover coa obra”, explica Ánxela Caramés que sitúa a xénese do proxecto nunha colaboración coa plataforma de mulleres, arte e tecnoloxía creada por Francesca Mereu en 2012, M-Artech que trata de conectar, divulgar e visibilizar traballos nos que a presenza feminina nas novas tecnoloxías “se afirma con potencia e rotundidade”.

Estética dixital e conceptual

Fátima Castaño, Lilia Villafuerte, Nuria Cano, Anaisa Franco, Anna Katarina Martin, Francesca Mereu, Mariana Carranza e Chris Sugrue, completan a relación de artistas que “fan tech” a partir deste xoves na Sala X da Facultade de Belas Artes, a onde a mostra chega procedente de Normal, Espazo de Intervención Cultural da UDC, froito da colaboración entre a propia Universidade de A Coruña e a Universidade de Vigo. “A varias das artistas que participan na mostra xa as coñecía e mesmo entre elas hai nexos comúns e mesmo unha rede”, explica a comisaria da mostra que tamén recoñece “que o binomio arte-tecnoloxía está moi estendido sobre todo no norte de Europa, pero non tanto en España”.

Caremés diferenza dúas liñas ben claras na mostra que este xoves abrirá as súas portas, por unha banda a trazada polas artistas cunha estética dixital que bebe das fontes da ciencia e da tecnoloxía e outra máis conceptual “que se corresponde coas autoras que proceden do ámbito das Belas Artes ou da Arquitectura e entre as que é máis evidente o uso da fantasía, do humor e dos aspectos sociais”. Dúas tendencias ben palpables nas obras que integran a mostra como a instalación audiovisual de Fátima Castaño, a peza de software art de Lilia Villafuerte, os traballos de mapping e tratamento dixital de Bego M. Santiago, Nuria Cano e Victoria Diehl, ou as obras interactivas de Anaisa Franco, Anna Katarina Martin, Francesca Mereu, Yasmina Morán e Inés Parcero, así como nas instalacións de Mariana Carranza e Chris Sugrue, as cales, malia participaren con obras non fisicamente presentes en Pontevedra, poderanse visionar a modo de documentación audiovisual, xunto con outras obras que non puideron ser expostas nesta ocasión.