DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Fundación Gulbenkian e a Luso-Americana financian por primeira vez un investigador non portugués

Harvard ábrelle as portas a Alberto Pena para estudar a emigración portuguesa nos EEUU

Supón un recoñecemento ao labor investigador levado a cabo dende a Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 10/02/2012

Do campus pontevedrés á Universidade de Harvard para afondar na emigración portuguesa nos Estados Unidos. As dúas institucións máis prestixiosas no eido da cultura en Portugal, a Fundación Gulbenkian e a Luso-Americana, acaban de aprobar o financiamento para un estudo do profesor Alberto Pena sobre a construción da identidade portuguesa no continente americano, en concreto nos centros de investigación das universidades de Brown, Harvard e Massachussets-Darmouth. “Tendo en conta a situación económica do país, a aprobación deste proxecto éncheme de satisfacción e de orgullo”, declara Pena.

Pena cualifica o proxecto de “excepcional” ao conseguir que as máis importantes institucións culturais lusas decidiran unirse para financiar a súa estadía nos Estados Unidos. “É a primeira vez que a Fundación Gulbenkian e a Luso-Americana se poñen de acordo para apoiar un proxecto dun investigador non luso fóra de Portugal”, sinala o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Esta subvención supón un recoñecemento ao labor investigador levado a cabo dende a Universidade de Vigo “proxectando a imaxe da institución viguesa tanto no país veciño como nos Estados Unidos”, engade. Este proxecto é un paso adiante na súa carreira investigadora, “converténdose en todo un reto que me pon en órbita no campo de estudo da cultura portuguesa no exterior”.

Un proxecto pioneiro

Nesta investigación, o profesor Pena afondará na construción da identidade portuguesa nos Estados Unidos a través da historia da prensa luso-americana, un tema pioneiro e orixinal do que non existe ningunha referencia previa. “Neste caso partimos de cero. A través dunha análise do discurso dos xornais portugueses publicados en América, tentarei identificar que temas lle preocupaba máis á colonia portuguesa afincada nos Estados Unidos”. A subvención outorgada amosa o interese das institucións lusas por coñecer as inquedanzas da poboación emigrante en USA pois, como apunta o experto, “a identidade dun país non se constrúe soamente coa cultura que se fai na zona, senón co que sei fai tamén fóra”, ademais de que América é o principal destino dos emigrantes lusos.

Para Pena, especializado en temas lusófonos, será a primeira vez que realice unha estancia en universidades norteamericanas pois sempre tivo como destino Portugal. “Os centros de investigación de Coímbra, Oporto e Lisboa eran os lugares habituais, pero nestes momentos a clave está en estudar a cultura portuguesa fóra do país", aclara.

Nun principio, o profesor pontevedrés pasará tres meses nos Estados Unidos analizando polo miúdo a documentación dispoñible nos departamentos de investigación seleccionados polo docente. “Son centros de primeiro nivel neste eido, mentres que a Universidade de Brown ten un departamento de portugués moi potente, a de Massachussets-Dormouth conta cun centro de investigación sobre cultura lusófona e Harvard é líder en estudos ibéricos”, apunta. As tres institucións foron escollidas polo profesor xa que están situadas nos principais destinos da emigración portuguesa, con grandes colonias nos estados de New Jersey, Nord Island, Massachusets e no oeste de California.