DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A pesar das condicións meteorolóxicas bateuse o récord de participación con máis de 660 corredores

Hassan Lekhili e Patricia Mendes, gañadores da V edición dos 10 Km Cidade Universitaria

O equipo feminino da Universidade logra o ouro no Campionato de España de Campo a través celebrado e

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Bea Feijoo DUVI 27/03/2011

Cumprindo as expectativas iniciais, o atleta de orixe marroquí, Hassan Lekhili fíxose, por segundo ano consecutivo, co primeiro posto da carreira 10 Km Cidade Universitaria na categoría masculina, mentres que a corredora Patricia Mendes liderou a clasificación feminina. As condicións meteorolóxicas non impediron que a competición, que xa vai pola súa quinta edición, batera un novo récord de participación con máis de 660 corredores, dos que 625 lograron rematar a carreira. Paralelamente, Solange Andreia Pereira, Sandra Mosquera e Andrea García, corredoras da Universidade de Vigo, acadaron o primeiro posto por equipos feminino no Campionato de España Universitario de Campo a través, disputado no circuíto de La Morgal, na localidade asturiana de Llaneda esta fin de semana.

Na categoría masculina, Hassan Lekhili, do Club Ourense Atletismo Academia Postal, cunha marca de 31:24, foi o primeiro corredor en cruzar a meta, aínda que non conseguiu bater o seu tempo da edición anterior, fixado en 31:03. O segundo posto ocupouno o atleta universitario Gustavo Nieves, do club Sociedad Gimnástica de Pontevedra, cun tempo de 31:49, quen ademais de recibir a prata na clasificación xeral, foi recoñecido cun trofeo polo primeiro posto na categoría de universitarios. A tan só un segundo quedou o outro atleta favorito, Robertas Geralavicius, tamén do club Sociedad Gimnástica de Pontevedra, que a piques estivo de ser o segundo clasificado, como ocorrera o ano pasado.

O Comesaña Sporting Club alzouse cos tres postos do podio da clasificación feminina. A gañadora, Patricia Mendes, logrou unha marca de 36:04, seguida de María Yolanda Gutiérrez, que rexistrou un tempo de 37:36. A atleta galega Soledad Castro, que o ano anterior quedara primeira, tívose que conformar coa terceira posición, pois completou o circuíto nun tempo de 38:05, a máis dun minuto da marca acadada en 2010. Castro foi tamén a mellor corredora veterana A, pero non puido recoller o trofeo debido a imposibilidade de acumular premios (coa excepción da categoría universitarios).

O mal tempo non impediu que a quinta edición dos 10 Km Cidade Universitaria fose a máis numerosa, superando os 660 participantes, dos cales 625 completaron o percorrido. Ademais dos gañadores e primeiros clasificados, o Servizo de Deportes da Universidade outorgou seis mencións especiais para recoñecer o esforzo de todos os atletas entregando premios especiais aos que quedaron nos postos 100, 200, 300, 400, 500 e 600, así como sorteo de estancias de viaxe e ocio entre o público. A retransmisión animada da carreira fixo posible coñecer en cada momento a evolución da proba e, a organización de diferentes actividades de entretemento para os cativos permitiron disfrutar da carreira en familia.

Vitoria feminina no Campionato de Campo a través

Paralelamente á celebración dos 10 Km Cidade Universitaria, este domingo tamén se disputou en Asturias o Campionato de España Universitario de Campo a través, no que Solange Andreia Pereira, Sandra Mosquera e Andrea García, estudantes de Ciencias da Educación da Universidade, conseguiron un novo ouro para o deporte universitario vigués. Organizado pola Universidad de Oviedo, a Universidade de Vigo logrou o primeiro posto na clasificación feminina por equipos, rematando en segundo lugar as atletas da Universidad Católica de San Antonio e en terceira as da universidade anfitrioa.

Na competición individual, Solange Andreia Pereira, do AMJ Fuerteventura, obtivo o segundo posto feminino cun tempo de 20:09, mentres que Sandra Mosquera, do Comesaña Sporting Club, quedou no posto 13 e Andrea García, do Vila de Cangas, de 15.