DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un enxeñeiro industrial, un monitor da piscina e un investigador marcan un novo fito deportivo

Un heroico reto de 10 horas a nado entre Cíes de San Simón

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 27/07/2011
A praia de Rodas, nas IIlas Cíes, foi o punto de saída e a Illa de San Simón a meta. Entre ambos puntos, arredor de dez horas a nado cun forte vento e unhas duras condicións da mar que tres membros da comunidade universitaria viguesa atravesaron marcando un novo fito nas travesía a nado en Galicia, xa que superaron a barreira dos 25 quilómetros.

Jorge Carlos Conde Saá, investigador do grupo de Novos materiais da Universidade de Vigo, Ignacio Vizcaíno Cuiñas, enxeñeiro técnico industrial da promoción do 69 e Aitor Luis González, socorrista e monitor da piscina do campus de Vigo partiron ás 11 da maña deste sábado 23 de xullo dunha das mellores praias do mundo nunha contorna paradisíaca para enfrontarse a dez longas horas de travesía a nado para percorrer 27 quilómetros. Aínda que os nadadores estimaban precisar arredor de 8 horas e media, finalmente, debido ao forte vento norte-nordeste de aproximadamente 12 nós e ondas en dirección sur duns 1,5 metros de altura, a travesía completouse despois de dez horas.

Jorge Carlos Conde explica que “xa tiñan tiñan participado anteriormente en iniciativas como estas, pero ningunha tan longa”. O ano pasado percorreron a distancia que separa Cíes da praia do Vao e, para este verán, decidiron aumentar o nivel de esixencia e adentrarse ata o fondo da ría. A proba foi unha iniciativa organizada polos propios nadadores xunto con Agustín Soneira, que finalmente non se botou á auga e, pesar de que todos eles están máis que acostumados a nadar, chegaron a porto esgotados aínda que coa satisfacción de ter marcado un punto de inflexión ao superar os 25 km.

“Era unha distancia grande pero estábamos preparados tanto física como mentalmente”, apunta Conde, que destaca que este tipo de roteiros permítelles gozar dunha contorna natural excepcional realizando o deporte que máis lles gusta e implicando tamén aos concellos polos que transcorreu esta travesía.

Agradecementos

A pesar de que o esforzo físico foi enorme, os nadadores recoñecen que a infraestrutura organizativa que require este tipo de proba, sobre todo se fai como unha iniciativa persoal, é tamén considerable. Por iso valoran moi positivamente a colaboración dos dous patróns que guiaron aos nadadores, Alfonso Comesaña y Alexis ,“nunha mar moi difícil, chea de obstáculos e tráfico marítimo intenso”. Tamén destacan o papel do fisioterapeuta, Tito López, pendente en todo momento de calquera problema físico que puidese xurdir, así como o de Julio Castro e Gorka de Luis, experto en nutrición e fotógrafo, respectivamente, e o de Casimiro Armada pola cesión dunha lancha de acompañamento. Fan os catro organizadores unha mención especial ao concelleiro de Deportes de Redondela, Jesús Crespo, e aos membros de Protección Civil, que en diferentes momentos del día, acompañaron aos nadadores atentos a calquera continxencia para intervir de inmediato.

Tamén se implicaron nesta experiencia os nenos e nenas do Club Natación Redondela, así como o Club de Remo, que cunha traíña, acompañaron durante un tramo aos tres nadadores. Na meta, familiares e amigos agardaron durante varias horas a chegada dos tres nadadores para recibilos case que como heroes.