DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Gran Burato centrou a última conferencia do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible

O hidrato de gas, un recurso enerxético ao alcance de Galicia

Daniel Rey recoñeceu que aínda é complicado facer unha valoración económica do achádego

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Anabel Vila DUVI 14/03/2011
O Gran Burato, a expedición liderada pola Universidade de Vigo en colaboración coa Xunta de Galicia revelou indicios da existencia de hidratos de gas na zona intermedia da 200 millas que limitan a Zona Económica Exclusiva de España. Este descubrimento ten ademáis un potencial valor económico, ligado á súa posible explotación, aínda que “de momento o estudio céntrase en confirmar a certeza de que o gas está aí”, salientou Daniel Rey, catedrático de Xeoloxía da Universidade de Vigo, no relatorio impartido dentro do ciclo de conferencias sobre sustentabilidade e enerxía que se organiza dentro do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible, co apoio de Economics for Energy e a Fundación Barrié de la Maza.

“Hoxe en día está aberto un gran debate sobre a enerxía, sobre a súa eficiencia, que se acentuou nos últimos días como consecuencia dos danos nas centrais nucleares de Xapón”, recordaba Xabier Labandeira, catedrático da Universidade, na presentación da conferencia, na que Rey acercou ao público os resultados obtidos na última expedición realizada na marxe continental galega.

Rey asegurou que grazas aos experimentos levados a cabo dende o Sarmiento de Gamboa, atopáronse indicios da presencia de hidrato de gas, aínda que “serán necesarias novas campañas para cuantificar a súa existencia”. Por iso na actualidade “non é doado facer unha valoración económica. Agora sabemos que hai un recurso indentificado, pero necesitamos máis datos” recoñece o profesor vigués. O certo é que as expectativas son moi positivas xa que se estima que “as reservas de hidrato de gas supoñen tanto como o resto de hidrocarburos xuntos”, explicou o catedrático de Xeociencias Mariñas. Porén, a súa posible utilización aínda é unha incógnita, xa que “sábese moi pouco dos xacementos”, que en terra firme atópanse en Siberia ou Alaska.

Efectos sobre o cambio climático

Un dos principais problemas da extración do hidrato de gas é a expulsión de metano, un gas invernadeiro que “forza o cambio climático”, sinalaba Daniel Rey. “Agora están estudando a súa liberación, como controlala”, asegurou. A realidade é que o metano sae á superficie de xeito normal, pero este proceso pode verse acelerado como consecuencia do cambio climático, provocando unha espiral na que “o quentamento global desenvocase na liberación de máis metano e este, á súa vez, aumentase a temperatura da atmosfera”. Por iso o gran reto ao que se enfrontan para facer viable a extración de gas, ademais do seu transporte e utilización, é facer del unha enerxía verde e eficiente.