DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro do programa Delecer

Hípica, squash e voleibol son algunhas das novidades deportivas para o mes de marzo

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 11/03/2009

Natureza e exercicio físico mestúranse na nova actividade que oferta o Servizo de Deportes dentro do programa Delecer para este mes de marzo. A todos aqueles que lles gusten os cabalos e non teñan ocasión de recibir clases de equitación están de noraboa porque un ano máis chega o curso de hípica ao campus en colaboración con Reatur Allariz. “Esta é unha actividade de iniciación, aínda que adoitan vir persoas que xa saben montar e aproveitan para poder facelo a un prezo máis baixo do habitual”, explicou Rodrigo Alberte, responsable do Servizo de Deportes no campus.
As clases de hípica terán lugar en Allariz os venres durante un mes a partir do 15 de marzo en horario de 16.00 a 17.00 horas ou de 16.00 a 18.00 horas segundo a preferencia do alumno. As sesións realizaranse en grupos de entre tres e cinco persoas que “terán que trasladarse ata o lugar das clases polos seus propios medios”, comentou Alberte. O reducido do número de persoas por sesión, “permite unha atención máis especializada, o que favorece a aprendizaxe”.
No tocante ao prezo desta actividade, con seguro incluído, oscila entre os 38 e os 70 euros ao mes para os que pertenzan á comunidade universitaria, en función de se escollen unha ou dúas horas de clase á semana. Para as persoas alleas á universidade as taxas son de 42 ou 78 euros e de 34 ou 63 euros para aqueles que posúan a a tarxeta deportiva ou sexan usuarios da Área de Deporte e Saúde. A matrícula poderá realizarse ata unha semana antes do comezo das sesións. A asistencia será obrigatoria e as clases perdidas non se poderán recuperar.

Máis deporte

O campus tamén conta cunha nova competición, pero nesta ocasión os estudantes non son os protagonistas, senón o persoal de administración e servizos e o profesorado, que participan na Liga PAS-PDI, integrada dentro dos Campionatos Galegos Universitarios nos que participan as tres universidades galegas. “No campus de Ourense contamos con dous equipos masculinos de Fútbol 7, "A chispa mollada e Irmandiños”, indicou Alberte. Os encontros teñen lugar os martes de 14.30 a 16.00 horas e, no caso dos ourensáns, cando xogan na casa os partidos desenvólvense no Pavillón dos Remedios. Esta iniciativa encádrase dentro da colaboración coa Dirección Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia que “pretende fomentar a actividade físico-deportiva entre os traballadores da Universidade”. Os dous primeiros clasificados xogarán o Campionato Galego o 28 de maio en Ourense contra os representantes das universidades de Santiago de Compostela e da Coruña.
O Campionato de Squash da Universidade de Vigo tamén se disputará no campus ourensán ao longo do día 26; segundo o número de participantes organizarase o sistema de competición e os horarios de xogo. “A inscrición é libre e poderá realizarse ata este venres 13”. O finalista deste torneo acudirá ás competicións galegas.
Por último, no mes de marzo tamén terán lugar unhas xornadas gratuítas de iniciación ao voleibol, os días 18 e 31 en horario de mañá de 11.00 a 12.30 horas e o 24 pola tarde de 16.00 a 17.30 horas no pavillón deportivo do campus. Os participantes recibirán como agasallo unha camiseta.