DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebración do ‘I Curso de Formación de Hipnosis en el Deporte’

A hipnose alíase co deporte para curar lesións e mellorar o rendemento

Afondarase na súa aplicación práctica pero tamén no seu contexto científico

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 22/03/2011

De recente aplicación, a hipnose estase abrindo un oco no mundo do deporte como técnica de mellora do rendemento e en casos de lesións. Debido á novidade deste novo método, os profesores Iván Martínez e Óscar García organizan o I Curso de Formación de Hipnosis en el Deporte, coa finalidade de que o alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte coñeza a súa existencia na práctica deportiva e tamén o seu aval científico, “para que a consideren como outra técnica máis de autoindución, afastando calquera xuízo erróneo a priori”, comentan os docentes.

A pesar de que a hipnose como técnica de mellora xa se tiña aplicado noutros casos, como nas embarazadas ou no tratamento da dor, o certo é que no eido deportivo a súa presenza resulta unha novidade, “nós en concreto sabemos da súa existencia desde hai un ano”, apunta o profesor Óscar García. Como consecuencia estimaron conveniente informar ao seu alumnado da súa práctica “pois como futuros adestradores ou profesionais deportivos deben coñecela pois para determinados contextos ao teu equipo lle pode vir moi ben”, engade García. Pola súa banda, o docente Iván Martínez quere resaltar a vertente científica da hipnose definíndoa como unha intervención clínica cun método claro para modificar condutas “cunha información por detrás veraz e contrastada”. En definitiva, “trátase dun método complementario que emprega a autoindución do deportista para lograr mellorar uns determinados resultados, para conseguir superar un bloqueo ou unha lesión”, aclaran.

Enfoque práctico

O curso será impartido por catro psicólogos de prestixio nacional e con experiencia no mundo do deporte. Joaquín Dosil, profesor en Ciencias de Educación e do Deporte será o encargado de realizar unha introdución teórica da psicoloxía no deporte para deixar paso a María Dolores González que contextualizará a nivel teórico e científico a hipnose. Verónica Morales afondará na importancia das habilidades comunicativas e será Antonio Hernández, da Universidade de Málaga e referente na aplicación da hipnose en atletas de alto rendemento, quen asuma a parte práctica, que ocupará 12 das 15 horas do curso.

Antonio Hernández, “profesional que coñece perfectamente o mundo da competición porque antes de ser psicólogo deportivo era atleta profesional”, enfocará as clases prácticas desde dúas perspectivas. Por unha banda o estudo de casos reais que evolucionaron coa aplicación da hipnose “como unha corredora que vomitaba, un saltador que rompeu todos os dentes, un futbolista que se esqueceu de meter goles...” e por outra o emprego da máquina do polígrafo entre o alumnado. Como ben explica Óscar García, co polígrafo “o psicólgo observa como as bioseñais se van alterando en función de determinados estímulos aos que se somete ao suxeito, detectando o problema concreto para elaborar posteriormente sesións adhoc ao xogador que quedarán na máis estrita intimidade”. A partir da formación práctica o alumnado será avaliado coa gravación en vídeo dunha práctica de hipnose cun deportista.

Período de matrícula e docencia

A través da plataforma Bubela calquera membro da comunidade universitaria preinscrito poderá completar a matrícula desde o 28 de marzo ata o 12 de abril de 2011. O obradoiro será impartido desde o 27 ao 30 de abril en horario de mañá e tarde.