DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Carlos Sixirei publica o segundo tomo dunha colección sobre a traxectoria deste continente

A historia de América en galego ten segunda parte

A obra abrangue desde as loitas pola independencia ata o ano 1920

Etiquetas
  • Ourense
Rosa Tedín DUVI 14/02/2013

“A independencia de Estados Unidos. Non todos os autores están de acordo en denominar como revolución ao proceso que levou á separación das Trece Colonias de América do Norte de Inglaterra. En todo caso poderiamos falar dunha revolución de carácter político […] pero nin a estrutura social nin as bases económicas no período colonial sufriron grandes modificacións”. Así comeza o profesor Carlos Sixirei o segundo tomo que vén de publicar da colección Historia de América. Dende as orixes aos tempos actuais. Baixo o título de Dende as Independencias ata 1920, o historiador continúa así o seu repaso crítico polos acontecementos que marcaron o nacemento de Estados Unidos, de Latinoamérica e de Brasil.

Segundo explica o autor da colección, “no primeiro volume, publicado no ano 2009, afondei nas etapas precolombina e colonial. Neste segundo tomo, continúo abordando a historia da América independente. Proximamente, probablemente para o mes de maio, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, publicarase o terceiro volume que completa a serie e que abranguerá desde o ano 1920 ata a actualidade”. Cando ese momento chegue, destaca o docente, por primeira vez poderase contar cunha completa historia de América en idioma galego.

Moitos acontecementos e personaxes interesantes

Ao longo das 464 páxinas que compoñen o segundo tomo, publicado pola Editorial Ir Indo, Sixirei Paredes afonda en acontecementos como a independencia de Estados Unidos, o nacemento de Latinoamérica, o período da América "caudillista", a evolución de Brasil durante o II Imperio e durante a República Velha, a situación de Latinoamérica entre 1870 e 1914 e os acontecementos producidos en América do Norte entre 1800 e 1870 e entre 1870 e 1945. Capítulo a capítulo, o doutor en Historia de América debulla os principais acontecementos, as personaxes máis relevantes e os sectores económicos máis decisivos que marcaron a traxectoria do continente americano desde arredor de 1760 ata 1920.

Neste percorrido, como historiador destaca que lle resultou especialmente interesante escribir sobre o período entre a primeira e a segunda guerra mundial, tanto en América do Norte coma do Sur, porque “aí naceu un novo modelo de estado”. Entre os moitos persoeiros que poñen cara a esta historia de América, o doutor salienta o especial interese que lle suscita Getúlio Vargas, político brasileiro que foi catro veces presidente da república no seu país e “probablemente o pai do Brasil contemporáneo”, e o progresista Theodore Roosevelt, presidente dos Estados Unidos entre 1901 e 1909, nun momento de activismo social e reformas.

Enfoque persoal

“Trátase dunha obra moi persoal, froito da miña dilatada experiencia como docente de Historia de América. Nela non me quixen limitar a expor acontecementos, datos e nomes, senón que tamén quixen abrila ao debate e á opinión”, subliña Carlos Sixirei, docente no campus de Ourense. Deste xeito, apunta, a colección está especialmente concibida desde a perspectiva dun manual para usos universitarios pero que pode ser de interese para un público xeral interesado en avanzar no coñecemento da historia do continente americano. Para aqueles que queiran coñecer máis esta obra, o segundo tomo será presentada o día 26 de febreiro na sede da Real Academia Galega, na Coruña; o 7 de marzo no Liceo de Ourense e o día 21 de marzo na Librería Couceiro de Santiago de Compostela.