DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Aula Universitaria de Teatro Infantil Geppetto presentará na MOTI a súa última obra 'Pés de crista

Esta historia comeza nunha pequena vila da costa galega

Será o día 26 de decembro no Auditorio Municipal de Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 21/12/2012

“Nunha pequena vila da costa galega todo o mundo está moi preocupado. Non atopan a razón nin a cura para o que lles está pasando aos nenos e nenas do pobo…”. Deste xeito, comeza a historia Pés de cristal, a última obra da Aula Universitaria de Teatro Infantil de Ourense Geppetto. A peza, dirixida por Elena Seijo, presentarase o día 26 de decembro na Mostra de Teatro Infantil de Ourense MOTI. Será entón o momento no que os actores e actrices afeccionados que conforman Geppetto amosen todo o aprendido este cuadrimestre nas aulas universitarias.

Unha historia persoal

Coma cada ano, o grupo de teatro e a súa obra naceron dun dos obradoiros de extensión cultural organizados no primeiro cuadrimestre no campus de Ourense, taller ao que se poden inscribir persoas con inquedanzas artísticas tanto da comunidade universitaria coma de fóra dela. Como tamén vén sendo tradición, Elena Seijo é a directora da obra e a creadora da hitoria, que sempre elabora tendo en conta o perfil das persoas que participan no obradoiro e do conxunto do grupo que se conforma. Nesta ocasión o elenco de Pés de cristal está formado por Laura González, Carmen Goyanes, Sandra Álvarez, Noelia Rodríguez, Paco Daza, Ana G. Earley, Mar Rodríguez, Marisol Delgado e Félix Estévez. Complentan o equipo José Manuel Bayón en iluminación, Rubén Dobaño na música, e Sarabela Teatro en vestiario e escenografía.

A peza escrita este ano por Seijo narra a historia duns nenos cunha enfermidade moi especial á que haberá que buscarlle solución. “Serán os propios rapaces coa súa valentía e confianza os que, axudados por un personaxe moi especial, descubran despois de varias probas o antídoto que os curará da súa enfermidade de pés de cristal”, explica a autora. A obra, destinada a maiores de catro anos, continúa coa filosofía da aula de facer teatro para nenos sen caer no infantilismo e transmitíndolle valores apegados á realidade. Os que queiran desvelar o misterio desta historia poden achegarse ao Auditorio Municipal o mércores 26 de decembro. Realizaranse dous pases, o primeiro ás 17.00 e o segundo ás 19.30 horas, e o prezo da entrada será de catro euros.

Máis MOTI

Ademais desta actuación da aula universitaria, o campus de Ourense únese á MOTI acollendo varias das actuacións da súa programación. Será na sala multiusos Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro e a súa recadación destinarase a UNICEF, sendo o custe de cada entrada tres euros. Concretamente, o día 26 de decembro terá lugar a representación de Grande máis grande, de Katarsis. A peza, destinada a nenos e nenas de 1 a 3 anos, xogará coa manipulación e a presencia de pequenos e grandes animais que farán as delicias dos asistentes. O día 29 será a quenda de A que sabe a lúa?, de Titiriguiri Teatro, e o día 30 de A viaxe de Martín, tamén desta última compañía. Dirixidas a maiores de tres anos, as dúas pezas empregan títeres para contar as historias de Floro, un touro bravo que se pregunta polo sabor da lúa, e de Martín, un valente porquiño que loita contra o seu destino.