DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de matrícula estará aberto ata o vindeiro venres

A historia e as ferramentas do deseño editorial a revisión nun curso da Aula Tecnolóxica

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 20/04/2010

Ter uns coñecementos básicos de edición pode ser útil en moitos contextos, desde poñer en marcha un blog ou unha páxina web persoais ata elaborar publicacións para os colectivos socioculturais aos que pertencemos. Tendo en conta isto e máis a presenza no campus de titulacións afíns a este ámbito, como Publicidade e Relacións Públicas, Belas Artes ou Comunicación Audiovisual, a Vicerreitoría do Campus de Pontevedra considerou oportuno ofrecer o curso Introdución ao proceso de maquetación de publicacións. Terá lugar na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás entre o 26 de abril e o 3 de maio e o prazo de matrícula, que se iniciou onte, permanecerá aberto ata o vindeiro venres día 23 de abril.
O curso estará impartido por Diego Fernández Pérez, quen explica que “tratará de achegar unha visión ampla daqueles aspectos implicados na elaboración dun proxecto de deseño editorial, atendendo tanto aos aspectos históricos e formais coma ás ferramentas necesarias para levalo a cabo”.
Deste xeito, entre os seus contidos figura a análise e revisión das partes que compoñen unha publicación, o estudo dos elementos propios do deseño nun proxecto editorial, o proceso de creación dunha retícula base e de páxinas mestras, ademais de prestar especial atención á disposición e á estética tipográfica. Como aplicación de software, os estudantes traballarán con Adobe InDesign.
Así mesmo, segundo o profesor, “incidirase especialmente no propio desenvolvemento do proceso: planificación, análise dos contidos da publicación, público obxectivo, estrutura, uso axeitado da tipografía, etc”. O obxectivo final, afirma Fernández Pérez, “é ofrecerlle ao alumnado aqueles recursos necesarios, tanto teóricos como prácticos, que lle permitan afrontar un proxecto de deseño editorial e levalo a cabo cun índice axeitado de calidade”.

Matrícula a través da Aula de Posgrao Virtual

A clases celebraranse os días 26, 28 e 30 de abril e os 3, 5 e 7 de maio e as prazas están reducidas a vinte. A matrícula pode realizarse a través da plataforma Bubela da Aula de Posgrao Virtual e é completamente gratuíta. En caso de dúbidas ou para máis información pódese ben escribir aos enderezos de correo electrónico vic.pon@uvigo.es e campuspontevedra@uvigo.es ou ben chamar ao 986802080.