DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inaugúrase na Biblioteca central unha mostra sobre a iconografía deste instrumento

A historia da gaita escríbese a través das imaxes

A exposición consta de 80 fotografías realizadas por Xosé Luís Foxo

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 13/05/2013

Ao longo dos anos, a gaita foise “coando” nas escenas que os artistas representaban en capiteis e frisos de mosteiros e igrexas, en manuscritos, en fotografías antigas e nun longo etcétera de soportes. Hoxe en día, eses testemuños históricos permiten botar unha ollada ao pasado deste instrumento e á súa evolución ao longo dos séculos. Desde este luns e ata o 14 de xuño, o campus de Ourense acolle unha mostra de 80 fotografías sobre a iconografía da gaita realizadas por Xosé Luis Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.

A mostra, que foi inaugurada por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Xosé Luis Foxo, director tamén da Escola Provincial de Gaitas, e César Fernández, asesor cultural da Deputación Provincial, está situada na Biblioteca universitaria central. “Coa vista posta na celebración do Día das Letras Galegas o vindeiro 17 de maio, esta exposición supón unha oportunidade para visibilizar e valorizar a gaita como parte da nosa cultura”, destacou María Lameiras. “Estamos ante o froito dun amplo traballo de campo realizado por Xosé Luis Foxo que nos permite un percorrido desde as orixes ata o que é agora a gaita, botando luz sobre este instrumento e sobre o seu futuro”, engadiu César Fernández.

Segundo explicou Xosé Luis Foxo, “as fotografías foron realizadas in situ” e a través delas se pode ver a evolución da gaita, de como se foi enriquecendo como instrumento, e os cambios acontecidos na vestimentas dos propios gaiteiros. Cada unha das imaxes que compoñen a mostra, destacou o seu autor, foi realizada en persoa, o que supuxo un grande esforzo e acumular moitas anécdotas. “De todo o noroeste peninsular creo que teño percorrido todos os mosteiros e catedrais en busca de representacións iconográficas da gaita”, apuntou Foxo. A exposición é froito dun traballo de campo realizado por Foxo ao longo de 35 anos en templos relixiosos e edificacións civis ao longo do Camiño Francés e do norte de Portugal e recolle imaxes da gaita dende o século IX ata a actualidade. Dentro do colección, explicaron os seus responsables, merecen especial atención as fotografías de miniaturas dos códices medievais, portadas románicas e góticas, sillerías de coros así como pazos e castelos donde a gaita foi esculpida.

A riqueza iconográfica de Ourense

Este periplo, destacou o director da Real Banda de Gaitas, permitiulle comprobar que “Ourense é un verdadeiro museo da iconografía da gaita, pois conta cun patrimonio incrible neste eido”. Desde o capitel de San Francisco ata a Catedral da cidade, Xosé Luis Foxo quixo chamar a atención sobre esta riqueza e salientou que grazas a este patrimonio a cidade das Burgas é candidata a ser referente no estudo científico e na investigación arredor da gaita. Lembrando que a palabra gaita ten orixe árabe, no norte de África, e que a primeira representación iconográfica española deste instrumento sitúase arredor do ano 1210, na Colexiata de Toro, o autor da exposición recomendou ás persoas interesadas a facer un repaso visual pola historia da gaita a través das 80 imaxes que compoñen a mostra que desde este luns acolle o campus.

Durante a presentación da exposición Iconografía da Gaita, Xosé Luis Foxo tamén quixo destacar que esta é a primeira colaboración formal da entidade que dirixe co campus de Ourense. Unha primeira acción conxunta, apuntou, para que “escollemos como escenario a Biblioteca universitaria porque as bibliotecas son o alicerce das civilizacións”. Para esta mostra foron seleccionadas 80 imaxes entre as 1000 existentes no Museo Internacional de Cornamusas da Deputación de Ourense, que no futuro darán título a unha obra baixo o título Iconografía da Gaita no Noroeste Peninsular.