DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Museo Pedagóxico acolle a exposición "Olladas no tempo", con imaxes dos anos 20 aos 70

A historia de Galicia e das súas xentes en oitenta fotografías

O centro conta ademais cunha reprodución dunha aula do franquismo, así como libros e aparellos para

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 16/11/2009
Dende nenos ata mozos e parellas. Dende actos sociais ata matrimonios. Pasando pola mili ou os medios de transporte. Así ata oitenta fotografías que amosan a historia de Galicia e as súas xentes dende os anos 20 ata os anos 70 do século pasado. É o contido da exposición Olladas no tempo, que acolle o Museo Pedagóxico da Facultade de Ciencias da Educación dende o 10 de xuño, e que permanecerá na sala ata finais deste mes de novembro. A mostra atópase no terceiro andar do Edificio de Ferro, e está aberta ao público os mércores e os xoves en horario de seis da tarde a nove da noite. O Museo agocha ademais unha exposición fixa formada por materiais doados pola propia facultade e outras escolas da provincia. Fórmana materiais de lectura, aparellos de épocas anteriores para o ensino e a reprodución dunha aula dunha escola rural do período franquista.
A exposición Olladas no tempo é o resultado dun laborioso traballo de recompilación destas imaxes levado adiante por Miguel Póveda, alumno do Programa de Maiores da Universidade de Vigo, entre os seus compañeiros de pupitre. A iniciativa levouse adiante no marco dunha das asignaturas optativas destes estudos, o Taller de fotografía, impartido polo profesor Xabier Blanco Sierra.

Un material “moi atractivo co que se podería facer un estudo antropolóxico da época”

O resultado é un abanico de oitenta imaxes destes alumnos e das súas familias que invitan a mirar ao pasado para coñecer os usos, costumes e modos de vivir de Galicia e das súas xentes dende os anos 20 ata os anos 70. Os mozos e mozas da época, os colexios, os medios de transporte que se utilizaban, a moda e os os actos sociais constitúen, segundo Xabier Blanco, “un material moi atractivo co que se podería facer un estudo antropolóxico daqueles anos”. Así, e por exemplo, o profesor sinala cómo nas fotografías os homes e as mulleres aparecen sempre separados, ou cómo nas imaxes de familia só aparecen a nai e os fillos “porque, habitualmente, o que tiña a cámara de fotos era o pai, e era, polo tanto, o que facía a foto”.
Xabier Blanco sinala que no taller de fotografía que dirixe, e que deu orixe a esta mostra, os alumnos aprenden tanto fotografía básica como o manexo dunha cámara dixital. E revela que este tipo de traballos “son moi apreciados polos maiores, xa que lles permite traballar e amosar as súas propias fotografías”.

Libros escolares de comezos do século XX e manuais para A perfecta casada

Xunto á exposición Olladas no tempo, o Museo Pedagóxico acolle unha mostra permanente formada por materiais doados pola propia Facultade de Ciencias da Educación e tamén por outras escolas da provincia. Na sección de materiais de lectura atópanse libros escolares desde principios do século XX en adiante, como os cadernos Rayas, o Método de ortografía española, que daquela custaba 20 pesetas, unha Colección de cupóns de racionamento, para o primeiro semestre do ano 1952, ou o manual para A perfecta casada. Non faltan nesta sección as Enciclopedias Álvarez, que no ano 1953 custaban 26 pesetas, ou libros como a Formación do espírito nacional.
Outro apartado da exposición permanente do Museo Pedagóxico é o formado por unha serie de aparellos procedentes dos laboratorios de ciencias, e os manuais que se utilizaban para o ensino desta materia. Nesta sección atópase unha selección do material científico co que contaban algúns centros de secundaria e escolas de maxisterio para a realización de prácticas, aparellos entre os que destacan aqueles que teñen que ver coa electrostática, os timbres e ata unha lanterna de proxección. Ademais de máquinas de escribir, un proxector de diapositivas e un proxector de películas en 16 mm, entre outros aparellos.

Representación da aula dunha escola rural franquista

Un dos espazos máis atractivos do Museo Pedagóxico é aquel que reproduce a aula dunha escola rural do franquismo, doada ao centro por unha escola da provincia. A aula reproduce a iconografía típica dos anos de ditadura, co crucifixo, a Virxe, o retrato de Franco e a bandeira de España. Os pupitres de madeira amosan tamén cómo era daquela a separación dos nenos, repartidos na aula por idades –os máis pequenos a un lado e os maiores ao outro- e, por suposto, separando os nenos das nenas. Na aula tamén se recollen documentos de interese, como un caderno de actas que recolle o informe da Inpección de Primeiro Ensino de maio do ano 1935, manuais como Novas Letras, un “método completo de lectura pola escritura e o debuxo” que custaba, daquela, 4 pesetas, ou un Almanaque da cruzada eucarística do ano 1955 e que se vendía a 6 pesetas.
Xabier Blanco explica que a finalidade do Museo Pedagóxico “é a de recuperar, manter e proporcionar documentación para o seu estudo de antigas escolas de Galicia, dende comezos do século XX ata os nosos días”. E subliña tamén que, neste espazo, os alumnos da Facultade de Ciencias da Educación poden atopar material para completar a súa formación.