DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro da Cátedra Almirante Álvarez Ossorio, o escritor presentou o último cadro de Augusto Ferre

A historia da goleta Alexandra contada por Pérez-Reverte

A obra do pintor realista, ‘Caza ao amencer’, permanecerá custodiada na Escola Naval Militar de Marí

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Iolanda Fernández DUVI 11/11/2013

O 21 de outubro de 1805, no marco da terceira coalición iniciada por Inglaterra, Austria, Rusia, Nápoles e Suecia para intentar derrocar a Napoleón Bonaparte, tivo lugar a Batalla de Trafalgar. Unha dura contenda naval na que os exércitos franceses e españois, baixo os mandos de Pierre Villenueve e Federico Gravina respectivamente, se enfrontaron á armada británica liderada polo vicealmirante Horatio Nelson quen obtivo finalmente a vitoria. Pouco tempo despois desta batalla, concretamente na madrugada do día 2 ao 3 de novembro, a goleta Alexandra intentaba regresar a porto despois dunha longa viaxe. Aínda que tanto o capitán coma a tripulación descoñecían o acontecido en Trafalgar, pronto se decataron da presenza de varias fragatas inglesas que poderían dificultar ou incluso impedir a súa entrada na ría de Pontevedra.

Así comezou Arturo Pérez-Reverte unha pequena historia inspirada no último cadro do pintor realista Augusto Ferrer-Dalmau, Caza ao amencer, que este luns foi presentado na Escola Naval Militar de Marín ao abeiro da Cátedra Almirante Álvarez Ossorio que promove a Universidade de Vigo. Continuando co relato, o escritor e xornalista, explicou ante os asistentes como o capitán da goleta decidiu pór rumbo a terra ben entrada a noite sen contar co vento ao seu favor. Coas primeiras luces do día, Alexandra foi rapidamente localizada polas fragatas inglesas, intre no que o capitán lle ordenou á súa tripulación pór rumbo cara Pontevedra a sabendas de que os ingleses non lle dispararían á goleta xa que viña cargada de azucre e máis de tabaco. Xusto ese momento de máxima tensión é o que o Augusto Ferrer-Dalmau plasma no seu último cadro, unha obra apadriñada polo escritor murciano e que permanecerá custodiada nas instalacións da Escola Naval Militar de Marín.

Despois de moito cavilar, Arturo Pérez-Reverte, descubriu recentemente outro dos enigmas desta goleta chamada Alexandra e da súa aventura para chegar a porto. Fixándose na pintura, o novelista caeu na conta de que para aumentar a velocidade da súa embarcación, foi moi posible que o capitán lles ordenase aos seus homes tirar pola borda os 10 canóns que levaban na cuberta, usados na época como lastre para cadrar o peso neste tipo de embarcacións mercantís. Dúas horas despois do momento que retrata Augusto Ferrer-Dalmau, a goleta estaba de novo en territorio galego.