DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Historia e Medicina danse a man nun seminario no campus

O científico do CSIC, Ricardo Campus, uniu ambas ciencias nun relatorio no Eidificio de Ferro

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 24/11/2008
Os avances médicos escriben unha nova páxina da historia cada día e a pesar diso, a historia da medicina é unha disciplina abandoada e pouco coñecida por todos. Ricardo Campos Marín, doutor nesta materia e científico titular do Consello Superior de Investigacións Científicas, foi o encargado de dar a coñecer os últimos avances en medicina tras facer un repaso polo pasado desta actividade profesional. Ata o salón de graos do Edificio de Ferro achegáronse persoas de diversos ámbitos, desde traballadores sociais, psiquiatras, médicos familiares, ata enfermeiros, interesados no que Campos tiña que aportar a este eido.
David Simón, director provincial do Servizo Galego de Saúde e organizador da xornada, foi o encargado de presentar a Campos ao cal calificou como “unha raras avis dentro do mundo da historia”. Para Simón “a historia e a medicina levan anos camiñando sendeiros dispares e xa é hora de que se xunten”. Sen embargo, Campos afirmou que “o muro que separa estas dúas disciplinas é cada vez máis forte”.
A xornada comezou cun relatorio titulado Novas tendencias en historia da medicina e da psiquiatría no que Campos fixo un repaso polo pasado e presente destes eidos, así como polos fitos máis destacables científicamente, analizando as correntes máis innovadoras e as metodoloxías investigadoras nestes campos. O primeiro concepto a dilucidar foi o de historia de medicina, pois dentro deste termo “inclúese a enfermidade, o paciente e os coñecementos e avances científicos” Actualmente atopámonos nun “momento moi complexo desta disciplina, cun horizonte fragmentado” e no que os novos avances producen “o desasosiego por parte dos expertos tradicionais, xa que se están a romper os seus esquemas de traballo”.
Na súa intervención, Campos, tamén se referiu a un dos personaxes fundamentais na historia da medicina, Henri Sigerist, que revolucionou este mundo introducindo a análise do paciente. “O programa de Sigerist estendeu os estudos dos problemas de saúde e enfermidade a todos os factores que os condicionan proporcionando unha visión máis sociocultural”, explicou Campos. “O seu planeamento era que estaba moi ben coñecer a historia da medicina, pero que tamén había que pensar nos enfermos que estaban detrás”, engadiu Campos.
Tras a primeira intervención na que sentou as bases da materia, Campos ofreceu un segundo relatorio no que avanzou cara o momento actual e as relacións entre a historia da medicina e a historia xeral, “relacións en España apenas existentes, aínda que no resto de Europa son máis habituais”. Nesta ocasión Campos estivo acompañado por Jesús de Juana, catedrático de Historia contemporánea da Universidade de Vigo.