DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Gerardo Delgado-Barrio explicou en Ourense a evolución desta disciplina desde as súas orixes

Unha historia con moita química

O profesor participou nas xornadas 'A Química, unha ciencia básica'

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 24/05/2011
No ano 2000 foron as matemáticas, en 2005 a Física, en 2009 a Astronomía e 2011 é o Ano Internacional da Química. Declarado pola Unesco como tal, desde o 8 de febreiro esta disciplina é a gran protagonista da divulgación científica tamén en España. Unha oportunidade para facer repaso polo pasado, presente e futuro da química e tamén por dalgúns dos seus protagonistas, desde o “primeiro químico”, o homo erectus, ata unha figura clave como a de Marie Curie. Non en van 2011 foi elixido Ano Internacional da Química para conmemorar o centenario da concesión do Premio Nobel nesta disciplina a esta excepcional científica de orixe polaca.

Para afondar no significado e características desta conmemoración, Gerardo Delgado-Barrio, profesor do Consejo Superior de Investigaciones Científicas de Madrid e presidente da Comisión de Química Física da Sociedade Europea de Física, achegouse este luns a Ourense a ofrecer unha conferencia. A súa intervención enmarcouse nas xornadas A Química, unha ciencia básica, organizadas polo Grupo de Termofísica da Universidade de Vigo coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Consello Social da Universidade de Vigo e Novacaixagalicia.

A orixe, o lume

Durante a súa conferencia, Delgado-Barrio fixo un repaso divulgativo pola historia da química. “A química nace cos primeiros homes. O primeiro gran químico é o homo erectus cando descobre o lume, que non é outra cousa que unha reacción de oxidación que terá un papel esencial para o desenvolvemento da humanidade”, salientou. A partir de aí virán séculos de evolución que culmiarán no XVII cando naza a química moderna con Robert Boyle. Na nova etapa que inaugura este científico, hai unha muller que xogará un papel fundamental no desenvolvemento da ciencia, a francesa de orixe polaca Marie Curie.

“Curie é unha muller realmente excepcional desde moitos ángulos”, explicou Delgado-Barrio. Para demostralo fixo un percorrido pola apaixonante vida persoal e profesional desta muller, nacida en 1867 e que ao longo da súa traxectoria rachou moitas barreiras como científica e tamén como muller. Da súa extraordinaria vida dá conta o feito de ser a primeira persoa en recibir dous Premios Nobel, un de Física e outro de Química, e ser pioneira no estudo da radiactividade. Muller, nai e sogra de Premios Nobel agocha tras de si unha intensa historia con moita química que o relator animou a curiosear.

O debate pendente do ensino

A lembranza da súa figura é un dos centros de interese da conmemoración do Ano Internacional da Química. Sen embargo, Gerardo Delgado-Barrio salientou a importancia de que se aproveite esta celebración, entre outras cuestións, para suscitar o debate arredor do ensino nos colexios das materias de física e química. Un debate no que, destacou, será importante ter en conta que “estamos camiñando cara un sincretismo da ciencia, de mistura de todas as disciplinas” e que o obxectivo educativo debe ser conseguir “amosar a beleza da ciencia” aos rapaces poñéndoos en contacto coa súa faciana máis experimental.

Como clausura das xornadas, o día 7 de xuño dúas das máis destacadas científicas galegas achegaranse ao campus de Ourense, ao Edificio Politécnico, para ofrecer sendas conferencias. María Tarsy Carballas, profesora do Consejo Superior de Investigaciones Científicas en Galicia e primeira muller da Académica de Farmacia de España, falará sobre a súa traxectoria como investigadora. Pola súa banda, María Inmaculada Paz Andrade, catedrática emérita Ad Honorem da Universidade de Santiago de Compostela, achegará aos asistentes á figura de Marie Curie. Ao remate, descubrirase unha placa de homenaxe a Marie Curie no salón de actos do edificio, salón cuxo nome pasará a ser tamén o desta científica.