DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un cento de alumnos de máis de 50 anos celebraron este xoves o remate das clases

Historia, poesía e 'un cadáver na cesta' para pechar o curso do Programa de Maiores

Salientan o excelente aproveitamento académico destes universitarios

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 09/06/2011
O curso académico está rematando e faino para todos os seus estudantes. Sucédense os exames, os actos de graduación e as despedidas de fin de curso. Este xoves celebrouse no campus de Ourense unha das máis divertidas, a dos estudantes do Programa de Maiores da Aula de Formación Aberta da Universidade de Vigo. Un cento de universitarios con máis de 50 anos despediron o curso 2010/2011 con historia, teatro, poesía e sobre todo moito humor e ironía coa obra de teatro Un cadáver na cesta, un pingüín na bañeira e dúas amantes no salón. Estudan por pracer, non por buscar un futuro mellor, e iso nótase en todo o seu paso pola universidade.

María Lameiras, vicerreitora do campus, salientaba no acto de peche de curso, que tivo lugar no Edificio de Ferro, que os estudantes do Programa de Maiores ofrecen “dúas leccións moi importes: que a cultura non ten idade, que sempre hai tempo para medrar nesta dimensión, e que as mulleres, maioría no programa, están ocupando agora espazos que inicialmente lles foron vetados, como a formación”.

Pola súa banda, Josefina Pato, coordinadora en Ourense da Universidade para Maiores, como a ela lle gusta chamarlle ao programa, destacou que “foi un curso extraordinario. O seu aproveitamento académico foi exemplar, os alumnos foron moi participativos, cumprindo sempre as tarefas e acudindo a todas as clases, a pesar das dificultades para organizarse cos seus compromisos familiares”.

Moita satisfacción

O curso remata cun cento de estudantes matriculados nos cinco anos dos que costa este programa, dividido nun primeiro ciclo xeral e nun segundo de especialización. Entre estes estudantes, Josefina Pato salienta que “cada vez teñen unha menor idade e veñen cunha base académica máis alta, sendo moi numeroso o grupo que se sitúa nos cincuenta anos e que durante a súa vida foron profesores, enfermeiras, empregados de banca, etc.”.

Entre estes alumnos están Fernando Pérez e Mª Rosa Méndez, estudantes de segundo ano, que amosan a satisfacción de todo o grupo polo desenvolvemento deste curso que remata. El gozou especialmente das materias relacionadas coa Filosofía, a súa paixón a pesares de que se dedicou toda a vida á electrónica. Ela está especialmente contenta porque “despois de dous anos somos un grupo cunha relación estupenda e ademais de vir a aprender tamén o pasamos moi ben”.

Para celebrar o fin de curso Jesús de Juana, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Vigo e director da Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED) de Ourense ofreceu a conferencia Don Pedro de Quevedo y Quintano 1736-1818 (O Cardenal Quevedo). Seguiulle o poeta e alumno do Programa de Maiores Emilio Parada, que leu pezas da súa obra Relato de poesías. Como prato forte do acto e peche de curso, un grupo de alumnos do programa representou a obra de teatro Un cadáver na cesta, un pingüín na bañeira e dúas amantes no salón, con guión e dirección da xornalista Raquel Feijóo. Unha obra que arrancou as gargalladas e o aplauso do público, entre os que había orgullosos familiares e amigos destes estudantes tan especiais da Universidade de Vigo.