DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No 1º ciclo de conferencias 'Minorías, inmigrantes e estranxeiros' que comeza o xoves

Historia sensibílizase co fenómeno migratorio afondando no seu coñecemento

Expertos de diferentes universidades abordarán este fenómeno desde a antigüidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 30/11/2010
A inmigración non é un feito exclusivo da sociedade actual senón que é un fenómeno que ao longo da historia tivo moito protagonismo. Baixo esta premisa, o campus de Ourense reúne este xoves e venres a expertos en historia, xeografía e arte de diferentes universidades estatais para falar de minorías, inmigrantes e estranxeiros. Será no 1º ciclo de conferencias Minorías, inmigrantes e estranxeiros organizado polo Departamento Historia, Arte e Xeografía na Facultade de Historia.

A profesora Mercedes Durany sinala que este ciclo se enmarca dentro “do contexto xeral de preocupación e sensibilidade coas minorías, especialmente a raíz do sucedido en Francia cos inmigrantes romaneses”. Para contribuír desde o ámbito da académico a coñecer e entender mellor este fenómeno na actualidade, Durany apunta que no Departamento de Historia, Arte e Xeografía consideraron “moi interesante ter a oportunidade de rastrexar e amosar o pasado das minorías e migracións”.

Milagros Cavada, decana da Facultade de Historia que acolle as conferencias, destaca o interese de “analizar desde diferentes perspectivas a realidade da inmigración en cada unha das súas épocas”. “A xente tende a pensar que ao longo da historia non nos movíamos tanto e en realidade si o fixemos”, recalca.

Desde a antiga Grecia ata hoxe

As conferencias, ás que se agarda que asistan medio cento de persoas, comezarán o xoves coa intervención de Adolfo D. Monedero, da Universidade Autónoma de Madrid, que falará sobre os gregos e non gregos nos ámbitos colonias. No resto da xornada abordaranse diferentes aspectos da inmigración na Idade Media. José Hinojosa, da Universidade de Alacante, presentará o tema das minorías na Coroa de Aragón, e María Gloria de Antonio, do Instituto Padre Sarmiento-CSIC, analizará o papel dos xudeus e as xuderías na Galicia medieval. Para rematar a primeira xornada do ciclo, celebrarase unha mesa redonda na que se abordará conxuntamente os procesos migratorios na antigüidade e na Idade Media.

Seguindo certa cronoloxía histórica, o segundo día do ciclo de conferencias estará centrado na Idade Moderna e Contemporánea. Comezará cunha conferencia de Ricardo Franch, da Universidade de Valencia, sobre os estranxeiros na sociedade valenciana do século XVIII e cunha intervención do profesor Manuel Hernández, da Universidade de La Laguna, sobre o papel dos inmigrantes españois na emancipación venezolana. Para pechar as conferencias Mariano Esteban, da Universidade de Salamanca, falará sobre “novas formas de facer historia da pobreza e da beneficencia” e de seguido celebrarase unha mesa redonda de peche sobre as migracións, inmigrantes e estranxeiros na Idade Moderna e Contemporánea.

As conferencias, que se celebrarán con entrada libre no salón de graos da Facultade de Historia, contan coa colaboración da Delegación de Alumnos de Historia.

Programa completo do ciclo (712.21 Kb)