DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense lembrará á escritora co gallo do Día Internacional da Non Violencia contra as Mu

Unha homenaxe a Emilia Pardo Bazán e unha sala chea de estudantes

A sala multiusos do Edificio de Ferro pasará a levar o seu nome

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 23/11/2011

“Foi a primeira catedrática dunha universidade española pero foille retirada a súa cátedra por non ter alumnos na súa clase dada a súa condición de muller. O día 25, Día Internacional da Non Violencia contra as Mulleres, queremos encher a sala multiusos do noso campus universitario de estudantes e de cidadáns nun acto simbólico e de homenaxe a unha muller tan insigne como é Emilia Pardo Bazán”. Deste xeito presentou María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, os actos en honra á escritora galega que acollerá este venres o Edificio de Ferro.

A homenaxe comezará ás 11.30 h co nomeamento da sala mulitusos do campus, espazo habitual de actividades culturais, como salón Emilia Pardo Bazán. De seguido presentarase a película de Zenit TV Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde, no que será o seu primeiro pase en público. Para falar da obra e da figura da escritora galega e da propia produción audiovisual, no acto intervirán María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Zaza Ceballos, directora da película; Xosé Ramón Barreiro, coordinador da Área Emilia Pardo Bazán da Real Academia Galega, e Anna Amorós, profesora da Universidade de Vigo.

Valentía para entrar no ámbito público

“Este será a nosa pequena homenaxe a unha gran muller”, salientou María Lameiras durante a rolda de prensa de presentación da conmemoración. A vicerreitora do campus quixo destacar que este acto se celebra coincidindo co 25 de novembro porque “queremos aproveitar esta data para visibilizar e visualizar o papel de mulleres que sufriron a violencia de xénero que supón a exclusión por querer facer algo que estaba considerado un traballo de homes, no caso de Emilia Pardo Bazán escribir”. Aínda que ata o século XIX non se pode falar de movemento feminista, María Lameiras apuntou que a escritora galega deu un primeiro paso significativo no empoderamento da muller no momento histórico que lle tocou vivir.

“Todo o que era o mundo público era masculino e ela tivo a valentía, a seguridade e a autoestima de colocarse nese espazo coa autoridade que lle confería o seu talento e o dereito a estar alí”, destacou a vicerreitora de campus. Por este motivo, Lameiras convidou á comunidade universitaria e aos cidadáns en xeral a asistir a este acto, que nun xesto simbólico quere render homenaxe a Emilia Pardo Bazán.

Concerto teatralizado

Co gallo do Día Internacional da Non Violencia contra as Mulleres, a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, tamén organiza no campus de Ourense o día 30 de novembro, ás 17.30 horas na cafetería da Biblioteca Universitaria, o concerto teatralizado I´ll be watching you. Os roles de xénero nas cancións de amor. Protagonizado por Patricia Lorenzo (Grupo Chévere), a obra afondará nos valores que moitas veces se agochan detrás das baladas románticas, cuestionando os estereotipos ríxidos do home e da muller que non contemplan outras opcións, a cosificación da muller, os celos como proba de amor, a convivencia coa violencia e o sentimento de propiedade sobre a outra persoa.