DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Instálase no campus de Ourense unha escultura de Xavier Riomao con esta temática

Unha homenaxe ás mulleres anónimas que fan posible a igualdade

O acto enmarcouse dentro da programación co gallo da celebración do 8 de marzo

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 03/04/2014
As pedras que conforman o longo camiño percorrido para chegar a unha sociedade igualitaria foron postas por destacadas mulleres que se significaron na historia pero sobre todo por mulleres anónimas. Trátase das nais, as avoas, as irmás, as compañeiras de traballo e estudos, as amigas e moitas outras mulleres que no seu día a día e con pequenos xestos intentaron e intentan facer da igualdade teórica unha realidade para elas e para o resto da sociedade. A todas elas, o campus de Ourense quixo renderlle este xoves homenaxe descubrindo unha escultura feita para a ocasión polo artista Xavier Riomao.

A realización da escultura forma parte da programación organizada pola Vicerreitoría do campus co gallo do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo. “Esta obra é unha homenaxe a todas esas mulleres anónimas que nos permiten estar hoxe aquí, nunha sociedade máis, aínda que non totalmente, igualitaria. Elas sentaron uns piares que non podemos menos que recoñecer”, salientou María Lameiras, vicerreitora en funcións do campus, durante o acto de descuberta da figura, que contou coa asistencia de numerosos membros da comunidade universitaria e autoridades como Roberto Castro, subdelegado do Goberno en Ourense.

Con poesía e música

“A inspiración para esta obra tomeina das Venus grecorromanas e nela quixen tratar o tema dos ocos, que poden ser tan significativos como os volumes”, destacou sobre a súa escultura Xavier Riomao, que é docente na Facultade de Ciencias da Educación do campus. Deste xeito, a peza xoga co siluetado en metal dunha figura de muller que se integra na contorna ao estar os espazos ocos, unha contorna na que están situados o Camiño da Igualdade, que percorre a parte antiga do campus de Ourense en homenaxe a ilustres mulleres da historia, e o Pavillón II, que leva o nome de Olga Gallego.

Para completar o acto, Carmen Lorenzo deu lectura a varios poemas de destacadas escritoras galegas, desde María Zambrano e Rosalía de Castro a Luz Pozo Garza e Alba Cid. “Na igualdade aínda hai moito que conseguir”, afirmou a tamén escritora, facendo fincapé en como “a violencia si ten xénero” e ese xénero é o feminino. Por último, o Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum pechou o acto interpretando varias das pezas do seu repertorio, entre elas unha nova obra feita polos pianistas da agrupación titulada O rolo.