DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O V Congreso de Patrimonio Etnolóxico trae ao campus unha pequena mostra da Casa das Rodas

En homenaxe a un oficio e toda unha cultura, a de afiar

Xosé Manuel Cid lamenta neste encontro que Galicia careza aínda dun Museo do Afiador

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
D. Besadío DUVI 10/10/2014

Impedir que se esqueza a figura do afiador e toda a tradición cultural que este oficio, tradicionalmente vinculado á provincia de Ourense, trae consigo. Este é o principal obxectivo da V edición do Congreso de Patrimonio Etnolóxico, unha cita que dende onte xoves e ata o vindeiro luns reunirá na Facultade de Ciencias da Educación e nalgún dos lugares máis estreitamente ligados con este oficio (Nogueira de Ramuín, Parada do Sil...), os principais protagonistas e expertos “nun oficio que lle deu de comer a moita xente durante moitos séculos”, tal e como lembrou o profesor Xosé Manuel Cid, organizador dun encontro co que tamén se rende homenaxe a dous nomes claves na historia cultural ourensá, o profesor Fidalgo Santamariña, xa falecido, é principal impulsor deste encontro, e Florencio de Arboiro “por todo o traballo e recursos que leva investido en prestixiar a figura do afiador”.

Museo do Afiador, a demanda máis latente

“Esta profesión pode existir e existe en outros lugares do mundo pero o que lle dá o carácter de patrimonio, non é o oficio en si, senón a fala que se creou arredor del, o barallete, e todos os demais aspectos culturais vinculados a el”, subliñou Cid, que destacou que mentres en lugares como Albacete, protagonista dun dos relatorios deste venres, teñen unha verdadeira devoción polos ‘cuchilleiros’ e a eles lles dedicaron un museo “espectacular”, en Galicia, “seguimos sen ter unha Casa das Rodas oficial, baleiro que veu a cubrir de xeito particular Florencio de Arboiro coa súa casa na aldea”, subliñou o organizador do encontro, ao tempo que lamentou que na terra dos afiadores ningunha administración pública fixera nunca o intento de facer un Museo do Afiador, unha posibilidade que agora ve complicada.

“Houbo momentos economicamente mellores e non se fixo nada, pero por suposto non perdemos a esperanza de que se dedique algunha pequena casa dalgunha aldea preto de Ourense ao afiador e agardo que iniciativas coma este congreso contribúan a acadalo”, recalcou Cid, que explicou tamén que as únicas rodas de afiar expostas para a visita universal “nun museo como tal” están en Albacete, no seu Museo da Cuchillería, onde hai unha sección específica con seis rodas e toda a biografía de persoeiros como Florencio de Arboiro e outros afiadores míticos, “toda unha homenaxe aos afiadores galegos”, recalcou o docente, que agradeceu a iniciativa de Arborio, de desplazar durante estes días algunha das pezas da súa mostra á facultade.

Visita á Casa das Rodas

“A idea do congreso é que todos os oficios artesanais das comunidades rurais teñan cabida”, subliñou Cid, que explicou que o programa inclúe a participación de expertos como como Perrine Bertrand, que falará sobre os afiadores franceses; Negro Giovanni, sobre os afiadores de Stolvizza de Resia, preto dos alpes italianos ou Isabel Peleteiro e Domingo Antonio Vivas, que afondarán “na que denominan Maleta etnográfica dos emigrantes galegos, exposición que poido visitarse xa no Museo do Pobo Galego”.

Florencio de Arboiro, un dos grandes protagonistas pois deste encontro, exercerá tamén de guía nunha visita a carpinteiros de rodas de afiar en Nogueira de Ramuín, papel que repetirá mañá sábado na súa Casa das Rodas, en San Xoan de Río, onde os participantes no congreso poderán coñecer e conversar cos afiadores e representantes doutros oficios ambulantes.
Dedicarase tamén un día ao traballo de recuperación deoficios como as “zurcidoras da montaña, costureira a xornal”, a afondar na historia oral dos devanceiros, ou mesmo a botar unha ollada con Susa Herrera á musica dos oficios.

Unha particular homenaxe a Fidalgo Santamariña e a Florencio de Arborio

O Congreso sobre patrimonio etnográfico arrancou en 2003 cunha homenaxe a Xaquín Lorenzo, “o grande etnógrafo destes temas conxuntamente con Ben-Cho-Shey”, da man do profesor Fidalgo Santamariña, xa falecido, “que era o profesor de Antropoloxía que sempre tivemos na facultade e que foi o verdadeiro impulsor de todo isto”, subliñou Cid, que tivo sentidas palabras en recordo de quen foi tamén “mestre de toda unha xeración de docentes, incluído eu mesmo”, lembrou Cid.