DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Unidade de Igualdade da Universidade honra a figura de Maruja Mallo no Día Internacional da Muller

Homenaxe a unha pioneira que pintou a palabra igualdade

O profesor Antón Castro, que a coñeceu persoalmente, realizou un percorrido pola súa condición de ar

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 08/03/2012

Pioneira no mundo da arte e crítica coas condicionantes de xénero da sociedade que lle tocou vivir. A Unidade de Igualdade da Universidade, co apoio da Vicerreitoría do campus, quixo lembrar no Día Internacional da Muller a figura da artista Maruja Mallo como unha das primeiras loitadoras polo recoñecemento da muller. Esta homenaxe, enmarcada dentro do ciclo de conferencias Pioneiras que se celebrará tamén nos campus de Ourense e Vigo, foi conducida polos profesores de Belas Artes Antón Castro e Almudena Fernández Fariña, que a través dun relatorio e a proxección dun documental, achegaron a condición humana e profesional “dunha muller transgresora adiantada ao seu tempo”.

A Unidade de Igualdade da Universidade decidiu dedicar unha parte dos actos conmemorativos do Día Internacional da Muller do ano 2012 “a lembrar e a recuperar a figura de aquelas primeiras loitadoras que xa a comezos do século XX reivindicaban un trato igualitario con respecto aos homes”, sinalou Anabel G. Penín, directora da Unidade de Igualdade. Maruja Mallo foi unha das seleccionadas e a súa condición de artista serviulle á profesora Almudena Fernández para resaltar o papel da muller na historia da arte, “na que Mallo soubo facerse un oco nun momento no que a profesión estaba ocupada unicamente por artistas masculinos”. Fernández tamén a describiu como unha persoa loitadora “cunha personalidade exuberante que non aceptou as convencións sociais do seu momento e quixo romper con calquera estereotipo de xénero”, engadiu.

Unha artista referente

O profesor Antón Castro foi o responsable de debullar máis polo miúdo o percorrido profesional desta pintora surrealista galega “que estaba á altura dos principais artistas da época, como o francés René Magritte”. Castro, que tivo a honra de coñecela persoalmente, referiuse a ela como un dos principais referentes pictóricos da segunda metade do século XX “e que foi quen de reinventar a forma de entender o onirismo de Bretón, fundador e principal referente do surrealismo”. A súa obra, a cabalo entre a idea de vangarda e de arte popular, “quedou nun segundo plano pola súa condición de exiliada”, apuntou Castro, polo que resulta necesario “un estudo de fondo que permita descubrir con veracidade os anos máis escuros do seu exilio”.

Tras a conferencia, a Casa das Campás acolleu a proxección do documental Maruja Mallo, mitad ángel mitad marisco, “título extraído dunha descrición que fixera Salvador Dalí da artista”, comentou a profesora Fernández Fariña. A peza, dirixida por Antón Reixa en 2009, realiza un percorrido pola súa vida persoal e profesional “a través de testemuñas de persoas que a coñeceron ou ben son estudosos da súa figura”.

O ciclo Pioneiras trasladarase o día 15 á Facultade de Dereito do campus de Ourense onde a protagonista será Clara Campoamor. Encargarase de poñer en valor a súa figura a historiadora María Teresa Arias Bautista e posteriormente proxectarase a película Clara Campoamor, la mujer olvidada. Pioneiras concluirá o 23 de marzo en Vigo, na Facultade de Filoloxía e Tradución, lembrando a Emilia Pardo Bazán da man de Ana María Freire, catedrática de Literatura Española da UNED e coa proxección de Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde.