DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As X Xornadas Interxeracionais celebraranse no campus e na cidade de Ourense o 13 e 14 de marzo

Unha homenaxe a 'Ponte... nas ondas!' e á cultura popular

Un ano máis maiores, escolares e universitarios compartirán uns días de lecer

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 11/03/2013

As Xornadas Interxeracionais son xa unha cita tradicional da programación do campus de Ourense que cada ano reúnen a maiores, escolares e universitarios para que xoguen xuntos, para que poñan en valor a cultura popular e para que compartan uns momentos de ocio con persoas de idades moi diferentes. Este ano as xornadas celebran o seu décimo aniversario reafirmando o seu compromiso social e ampliando a súa programación cun día dedicado a render homenaxe ao programa educativo Ponte... nas ondas!, que vén de cumprir 20 anos de existencia.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación; Ana Garrido, concelleira de Educación da cidade; e Marisa Justa, directora das Aulas de Terceira Idade, foron os encargados de presentar a edición deste ano no salón de plenos municipal. “Estas xornadas crean un espazo moi bonito no que os máis cativos poden recibir directamente dos maiores a cultura popular. Para conseguir que esta cultura se transmita e se manteña viva é importante visibilizala e valorizala, implicando directamente ás persoas con actividades coma esta”, destacou María Lameiras. “Cunha poboación tan envellecida coma a nosa, o tempo de ocio dos maiores é algo fundamental e por este motivo desde o concello quixemos colaborar nesta iniciativa, na que participarán arredor de 400 escolares da cidade”, subliñou a concelleira de Educación ourensá.

Un programa “radiovisual”

Segundo explicou Xosé Manuel Cid, as xornadas, en cuxa organización traballaron durante meses alumnado da Facultade de Ciencias da Educación, celebraranse os días 13 e 14 de marzo. O primeiro día de traballo estará dedicado ao programa Ponte... nas ondas! e aos seus vinte anos. Rocío Pereira pola mañá e Xurxo Souto pola tarde conducirán un programa “radiovisual” ficticio no que participarán actores e portadores da cultura popular vencellados a esta iniciativa educativo e á tradición cultural ourensá. Por alí pasarán as músicas de María do Ceo, de Xiana Lastra e Juan Collazo de Odaiko e dun grupo de cantareiras do Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo, ademais de contar coas actuacións de escolares do IES do Couto, do CEIP Luis Acuña, da Ponte e do CCP Xaquín Lorenzo, que presentarán a súa actividade da Romería de Vilanova do 17 de maio.

Isaac Alonso Estravis, que falará da Xeración Nós, os regueifeiros Luis Caruncho, Benito Lobariñas e Josiño da Teixeira, e os xogos populares e o Entroido, da man de Lois Pardo e coa presenza dun fulión infantil de Manzaneda e a Pita de Eiroás, tampouco faltarán a esta cita. O alumnado do IES Universidade Laboral, que falará do seu Museo Etnográfico, a presentación do libro-CD dos 20 anos de Ponte... nas óndas! e a figura do afiador, coa colaboración de Florencio de Arboiro, que amosará unha roda de afiar e outras mostras da cultura deste oficio, completarán un intenso primeiro día de sesións que rematará cun “intercambio de almofadas” entre maiores e cativos como anticipo do que será o segundo día das xornadas, tal e como salientou Marisa Justa.

Como xoga cada xeración

O día 14 as X Xornadas Interxeracionais continuarán cunha programación similar á de anteriores edicións, compartindo maiores e escolares xogos cooperativos interxeracionais. Pola mañá, serán os maiores os que amosen ao máis pequenos os seus xogos na Praza Maior da cidade e nos Xardíns do Posío. Xa pola tarde serán os rapaces e rapazas os que lles explicarán aos que poderían ser os seus avós e avoas a súa forma de xogar. A actividade rematará coa representación da obra de teatro María Castaña a cargo de Avelaíña Teatro e coa celebración dunha merenda con todos os participantes.