DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xornada de portas abertas no Servizo de Deportes co gallo do Día Mundial da Actividade Física

Honores para as atletas do ouro

O reitor, Salustiano Mato, recibiu ás atletas que acadaron o primeiro posto no Universitario de Camp

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Anabel Vila DUVI 05/04/2011
“Estamos orgullosos de vós, do que fixéchedes, e de que defendades a camisola da Universidade”. Con estas palabras Salustiano Mato, reitor da institución viguesa, recoñeceu o ouro por equipos en categoría feminina acadado por Solange Pereira, Sandra Mosquera e Andrea García no Campionato Universitario de Campo a Través disputado a pasada fin de semana en Asturias. As atletas foron recibidas hoxe polo reitor que, acompañado polo vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, entregoulles un pen drive da Universidade con forma de robot. “Un pequeno agasallo para que lembredes o noso apoio e vos desestresedes cando esteades estudando”, engadiu. No acto tamén estiveron presentes Miguel Ángel Nombela, director da Área de Deportese Estudantes, e Javier Rial, director do Servizo de Deportes.

Tanto Solange, como Sandra e Andrea, todas elas estudantes de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, se mostraron satisfeitas co traballo feito en Asturias, nun campionato no que, como recoñeron, “houbo máis nivel do que esperabamos”. Pereira, que acadou a prata a nivel individual, loitou ata os últimos metros con Irene Alfonso, da Universidad de Oviedo, e que “está a competir coa selección nacional” nun circuíto “con moita herba, polo que non había moita lama, ademais, tivemos sorte e durante a nosa carreira non choveu”, recordaban. Aínda que sabían que tiñan opcións de podio o ouro foi unha sorpresa. “O ano pasado sabiamos o que nos iamos atopar, porque había Mundial Universitario e aparece xente que non soe acudir, pero este ano non era así. O que sucedeu é que a xente de Asturias quixo gañar na casa, e por iso se presentaron” asegurou a atleta canaria afincada en Cangas.

Portas abertas polo Día Mundial da Actividade Física

Deporte é saúde, por iso, e co gallo da celebración do Día Mundial da Actividade Física, mañá 6 de abril, e do Día Mundial da Saúde, o xoves 7, o Servizo de Deportes da Universidade de Vigo e os Centros Deportivos Universitarios de Vigo e Ourense desenvolverán unha xornada de portas abertas para que todos os membros da comunidade universitaria se acheguen á práctica da actividade física.

Na primeira xornada as salas de cardio fitness dos tres campus, así como a piscina, e as instalación dos CDUs de Vigo e Ourense ofrecerán de balde os seus servizos. Así, os interesados poderán participar en clases de aquaym ou pilates no campus de Vigo, ou fitball e boot camp no de Ourense. Pola súa banda, na segunda xornada, o acceso será de balde, ademais de aos ximnasios, ás actividades organizadas polo Servizo de Deportes, entre as que destacan unha sesión de taichi nas termas de Outariz ou un torneo de fútbol 7.

Como complemento á actividade deportiva é necesaria unha boa alimentación, por iso Frutas Nieves e Frutas Vilar repartirán froita ao longo de toda a mañá do mércores na zona comercial da Cidade Universitaria para mellorar os hábitos alimentarios do alumnado, pero tamén do profesorado e persoal investigador e do PAS.