DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense únese a unha nova edición da Olimpíada Solidaria de Estudo

Unha hora na biblioteca, un euro para proxectos educativos en Haití

A iniciativa desenvolverase ata o día 5 de decembro

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 05/11/2013

Coma cada ano por estas datas, o campus únese unha vez máis á Olimpíada Solidaria de Estudo, organizada por ONG Coopera, Cooperación Internacional e ACTEC. As horas de biblioteca do alumnado ourensán será transformado en diñeiro polas entidades colaboradoras e a contía final destinarase á reconstrución de dúas escolas afectadas polo terremoto que padeceu Haití en 2010. Con esta boa causa de fondo, a Oficina de Voluntariado do campus anima aos universitarios a unirse a esta iniciativa e máis que nunca sacarlle todo o proveito posible ao tempo que pasan diante de libros, apuntes e ordenador.

As mesas da Olimpíada Solidaria de Estudo, que se desenvolverá desde o 5 de novembro ata o 5 de decembro, están situadas na entrada da Biblioteca Rosalía de Castro e das salas de estudo dos edificios de Ferro e Politécnico. Cando rematen de estudar, os alumnos e alumnas que desexen colaborar con esta iniciativa deben apuntar alí as horas realizadas, coller da mesa un número equivalente de euros ficticios e depositalos por último na furna alí habilitada. Eses euros de papel serán os que logo as entidades colaboradoras transformen en diñeiro real que se destinará á causa elixida nesta edición da olimpíada, que leva por título O teu estudo debuxa o seu futuro.

Motivar actitudes responsables

“Necesitamos persoas solidarias e responsables dispostas a dedicar parte do seu tempo e enerxía a axudarnos na organización e seguimento da Olimpíada e a participar nela”, destacan desde a Oficina de Voluntariado. O curso pasado, apuntan, o campus de Ourense conseguiu contabilizar 10.553 horas de estudo que se transformaron en 10.553 euros que se destinaron á recuperación de 14 escolas na República Democrática do Congo. O obxectivo este ano é cando menos repetir esa cifra, para o que piden a colaboración da comunidade universitaria.

O diñeiro recadado na edición deste ano destinarase concretamente a Haití, á instalación dunha aula informática na escola La Saline, en Porto Príncipe, para que os estudantes centro poidan aprender a utilizar un ordenador e se beneficien das novas tecnoloxías. A iniciativa permitirá mellorar a calidade educativa deste centro, que acolle a uns 2100 rapaces e no que se imparte capacitación técnica, primaria e secundaria. Tamén se levará a cabo a reconstrución dun centro educativo profesional na escola Deux Mapous, en Los Cayos, que conta con 1100 alumnos. O recadado na campaña destinarase a reforzar o seu edificio principal e a construír tres novas aulas de clase e tres talleres, ademais de mellorar o seu equipamento.

Para cumplir estes obxectivos, a ducia de países que participan nesta 11ª Olimpíada Solidaria de Estudo intentarán superar as case 600.000 horas de estudo logradas na edición pasada, así como os 35.000 estudantes sensibilizados sobre o problema da falta de acceso á educación. O obxectivo final desta campaña, lembran os seus promotores, é concienciar sobre o obstáculo que supón a falta de educación para a mellora das condicións de vida das persoas e motivar actitudes responsables e comprometidas para conseguir un dos obxectivos de desenvolvemento deste milenio, como é lograr o ensino primario universal.