DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pedro Cuesta explica cada ano a educadores como usar as novas tecnoloxías para motivar ao alumnado

Unha hora sen poder mirar o WhatsApp e o profesor que non acaba

O docente da Escola Superior de Enxeñaría Informática destaca a importancia de que os mestres tamén

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 15/03/2013

“Conseguir que un alumno estea unha hora na clase sen mirar o móbil e sen ver o seu WhatsApp, o seu Facebook e o seu perfil noutras redes sociais é algo realmente difícil, por non dicir imposible”. Así explica Pedro Cuesta, profesor titular da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, a realidade que viven hoxe en día os docentes de calquera etapa formativa. “Os estudantes son todos 2.0 pero os mestres 2.0 aínda son poucos”, advirte. Para contribuír a mudar esta situación e para amosarlle aos educadores a empregar as novas tecnoloxías no ensino, Pedro Cuesta leva catro anos participando no Curso de Educación e Mediación Familiar que se este mes celebra o Concello de Ourense.

“Coa chegada dos teléfono intelixentes e das tabletas, a xente, tamén os alumnos, están cada vez máis permanentemente conectados á rede e desde calquera lugar. Xa non é coma antes, que había un ordenador na casa ou no centro e era máis facilmente controlable. Agora é moi difícil controlar o acceso. Os rapaces e rapazas andan ás súas anchas nas redes sociais e isto implica certos perigos”, destaca o docente do campus de Ourense. Neste contexto, apunta, “a idea non é espialos, é educalos, aplicar o sentido común e aproveitar a web social para que aprendan máis e mellor”.

Afrontar a realidade

Segundo salienta este experto, debido á súa familiaridade coas novas tecnoloxías practicamente desde bebés, as novas xeracións teñen unha forma de aprendizaxe máis “autónoma, multitarefa, creativa, precoz e autodidacta”. Con estas características, “as clases tradicionais, cun docente transmitíndolle a información e empregando libros, xa non motiva ao alumnado e por seguinte abúrrese nas aulas, perde a concentración e dificúltase o ensino”. Ante esta realidade, o profesor da ESEI salienta a importancia de que o docente pase a ser "un guía na aprendizaxe" e aproveite as ferramentas da web e da web social para buscar, filtrar, compartir, organizar e producir contidos cos estudantes.

Alén de empregar Internet como fonte de información, Pedro Cuesta chama a atención sobre as posibilidades educativas que ofrecen as TIC a través da computación na nube, dos programas gratuítos, das contornas personalizadas de aprendizaxe e incluso a través das redes sociais, para compartir contidos, para crear proxectos en colaboración e para un longo etcétera de posibilidades. “O importante é que se rompa a fenda dixital entre os docentes e os proxenitores e os rapaces e rapazas”, subliña. A ruptura desta fenda, apunta, tamén contribuiría a protexer aos menores dos perigos que efectivamente ten o uso de Internet para os menores, como son o acceso a contidos non axeitados para a súa idade, a suplantación de identidade, a vulneración de datos persoais ou o acoso a través da rede, entre outras cuestións. “Hai que coñecer o que hai e hai que afrontalo para sacarlle o máximo proveito e minimizar os riscos”, comenta.