DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense participa un ano máis na Olimpíada Solidaria de Estudo

As horas na biblioteca son diñeiro para as escolas congolesas

En 2011 recadáronse máis de 10.000 euros grazas a 945 universitarios ourensáns

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 06/11/2012

Un ano máis por estas datas o campus de Ourense únese á Olimpíada Solidaria de Estudo, organizada por ONG Coopera, Cooperación Internacional e ACTEC. Durante un mes cada hora que o alumnado pase na Biblioteca universitaria ou nas salas de estudo dos edificios de Ferro e do Politécnico transformarase nun euro que se destinará á reconstrución de 14 escolas na República Democrática do Congo. Nesta décima edición, a Oficina de Voluntariado do campus agarda, cando menos, repetir o éxito do ano pasado, cando 10.659 horas de estudo de 945 universitarios ourensáns se transformaron en 10.659 euros para o sistema educativo de Haití.

Segundo explica Rosa Guerra, responsable da Oficina de Voluntariado do campus, a iniciativa posta en marcha este luns baixo o lema Ponte un 10 prolongarase ata o vindeiro 5 de decembro. Durante este período o alumnado poderá participar simplemente apuntando á saída da biblioteca ou das salas o número de horas de estudo realizadas e poñendo nunha furna o seu equivalente en billetes ficticios. “Por cada hora realizada unha serie de empresas e entidades patrocinadoras da Olimpíada doarán á ONG Coopera un euro”, explica Guerra. Nesta ocasión, o diñeiro recadado nos 15 países que participan nesta acción solidaria destinarase á recuperación de escolas da zona de Kabare trala súa destrución durante o conflito bélico que padeceu a República Democrática do Congo.

Para axudar a 4700 nenos e nenas

Coa participación activa dos estudantes europeos e co destino dos fondos recadados a escolares de países en vías de desenvolvemento, o obxectivo da Olimpíada Solidaria de Estudo é concienciar sobre o obstáculo que supoñen as carencias educativas para mellorar as condicións de vida das persoas. Ao mesmo tempo, os seus promotores queren fomentar as actitudes responsables e comprometidas para seguir avanzando no obxectivo social de lograr un ensino primario universal. Deste xeito, a Olimpíada agarda superar en España as 300.000 horas de estudo e os 35.000 mozos e mozas sensibilizados sobre o problema da falta de acceso á educación.

“Desde a Oficina de Voluntariado queremos animar a toda a comunidade universitaria ourensá a participar nesta acción solidaria. Para as persoas que fagan uso da biblioteca e das salas de estudo non ten ningún custe e o seu xesto, que é só apuntar nun papel as horas realizadas, ten unha repercusión real para outros estudantes que desgraciadamente non teñen acceso a un sistema educativo coma o noso”, subliña Rosa Guerra. Ademais, explica, as persoas interesadas en participar máis activamente poden facelo apuntándose como voluntarias na súa oficina para atender os postos informativos sobre a Olimpíada ubicados á entrada de cada centro.

O diñeiro recadado permitirá, segundo explica ONG Coopera, mellorar o ambiente de aprendizaxe e as condicións hixienico-sanitarias de máis de 4700 nenos e nenas a través da construción de aulas e latrinas, a dotación de equipamento escolar de 14 escolas e o fortalecemento das capacidades do corpo docente congolés.