DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A ONG Coopera pon en marcha a VII Olimpiada solidaria de estudo, na que participan 15 países

Horas de estudo solidarias para financiar un proxecto educativo en Angola

O estudantado súmase á iniciativa con urnas na Biblioteca e nos Edificios de Ferro e Politécnico

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Raquel Feijóo DUVI 24/11/2009

Luanda, a capital de Angola, é un núcleo de poboación no que naceron barrios que non contan con ningún apoio gubernamental, e nos que as escolas están, en moitas ocasión a varios quilómetros de distancia. Dende a ONG española Coopera están a construír no lugar novas aulas para o Centro Integral Educativo Kudilanga ni Kudizola coas que poderán acceder á educación máis de 200 novos estudantes. O ozamento do proxecto supera os 400.000 euros e para conseguilos, a organización ven de pór en marcha a Olimpiada Solidaria de Estudo, unha campaña de sensibilización e de recadación de fondos que chega este ano á súa sétima edición. A iniciativa desenvólvese baixo o lema de Prende a túa chama solidaria, e consiste en cambiar unha hora de estudo por un euro. “Por cada hora que os estudantes dediquen aos libros, os nosos patrocinadores destinarán un euro para o financiamento deste proxecto educativo en Angola”, explica Magdalena Berenguer, traballadora da ONG.

Urnas de recollida de horas de estudo en tres puntos do campus

O campus de Ourense súmase tamén a esta iniciativa solidaria coa instalación de urnas na biblioteca central, así como nas salas de estudo dos Edificios de Ferro e Politécnico. Para participar, o alumnando debe achegarse a unha destas salas de estudo e dirixirse ao encargado que lle tomará os datos, o inscribirá na Olimpiada e entregaralle o seu pasaporte de estudo solidario para poder levar a conta das horas e dos euros conseguidos co seu esforzo ante os libros. O encargado da sala daralle tamén o correspondente papel moeda (hai papel moeda dunha hora e dunha hora e media, equivalente a 1 euro e a 1,5 euros, respectivamente). Ao saír, o encargado comprobará o papel moeda, sellarao e introducirao na urna, apuntará as horas no pasaporte de estudo e encherá as follas de control. E, finalmente, meterá os datos da sala na páxina web www.olimpiadasolidaria.com, o que permite coñecer, día a día, a evolución da actividade.
A iniciativa comezou o seu desenvolvemento o 5 de novembro e prolongarase ata o vindeiro 5 de decembro e a valoración, dende a ONG Coopera, é “moi positiva”. Nas palabras de Magdalena Berenguer, “Galicia é un dos lugares máis implicados co noso proxecto, con 39 salas ao longo da Comunidade e cunha recadación importante en canto ás horas de estudo”, declara. Dende a ONG subliñan tamén a importancia de iniciativas como esta “para espertar na mocidade o interese por participar activamente en causas solidarias aportando o seu tempo libre e a súa enerxía, en definitiva, o seu esforzo”. Fomentar o papel dos máis novos na sociedade, sensibilizalos coa realidade que están a sufrir noutros lugares do mundo e integrar a todas as partes da sociedade nun esforzo común son outros obxectivos da campaña. “É unha revolución solidaria. Queremos cambiar as cousas coa axuda da xente”, explica Magdalena.

Máis de 23.000 participantes conseguiron máis de 250.000 horas de estudo en 2008

A primeira edición da Olimpiada Solidaria de Estudo tivo lugar no ano 2003 e contou coa participación de 436 alumnos de Logroño. Estes rapaces estudaron máis de cinco mil horas que se converteron en euros para financiar un orfanato para nenas na cidade de Lubango, en Angola. Os datos do ano 2008 amosan o importante crecemento experimentado por esta actividade na que participaron 137 cidades con máis de 300 aulas de estudo. O número de participantes superou os 23.000, e as horas de estudo foron máis de 250.000 que se converteron noutros tantos euros para financiar proxectos solidarios. Pero Coopera quere superar estas cifras. Nas palabras de Magdalena Berenguer, “esperamos que nesta sétima edición participen máis de 25.000 persoas nas máis de 300 salas repartidas ao longo de 15 países. Co esforzo de todos os estudantes agardamos alcanzar as 350.000 horas de estudo que se transformarán noutros tantos euros para financiar os nosos proxectos educativos”. E é que, dende Coopera pensan que “o desenvolvemento ten que pasar pola formación nos países nos que traballamos”.
A ONG Coopera é unha organización de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento dedicada, dende o ano 1994, á realización de proxectos de cooperación no ámbito da educación e a formación en África, Iberoamérica e Jerusalén. O colectivo intervén tamén a nivel nacional promovendo accións de sensibilización e de educación ao desenvolvemento e á solidariedade.