DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes reuniuse a Comisión Mixta Sergas-Universidade

O Hospital do Salnés incorpórase como centro asociado á Universidade

Tamén se acordou estudar a petición do CHOU a súa declaración como hospital universitario

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 17/11/2009

A comisión mixta Sergas-Universidade de Vigo acordou incorporar o Hospital do Salnés como centro asociado á Universidade de Vigo para impartir formación nas áreas de fisioterapia e enfermaría. Na xuntanza, que tivo lugar hoxe martes en Santiago de Compostela, ambas partes acordaron tamén estudar a petición do Complexo Hospitalario de Ourense, CHOU, e a súa declaración como hospital universitario dependente da institución académica viguesa.
Neste encontro, que contou coa participación do reitor e da conselleira de Sanidade, os representantes da Universidade manifestaron o seu desexo de que o nomeamento de prazas de profesor asociado clínico (PAC) se resolva a satisfacción do Servizo Galego de Saúde e dos profesionais, ben aceptado que estes sexan adscritos á Universidade de Santiago de Compostela (USC) ou ben que sexan adscritos formalmente á USC e oficialmente á Universidade de Vigo, sempre que o acordo sexa o mesmo para as tres universidades.

Compromiso para desenvolver a figura do colaborador docente

Con miras a alcanzar este obxectivo dende a Universidade de Vigo fíxose fincapé na necesidade de desenvolver antes do 2010 a figura do colaborador docente, tal e como require o acordo asinado en maio de 2008 entre a Universidade e as consellerías de Sanidade e Educación e, nesta liña, solicitou que se manteña este compromiso no nomeamento de 15 prazas de PAC da convocatoria en marcha, é dicir, no ámbito temporal deste mesmo curso.
En relación as convocatorias de profesores para o próximo curso (2010-2011), reclamou que se realicen en base a esta figura do colaborador docente, e que se acorden mecanismos de participación da Universidade e do Servizo Galego de Saúde nos sistemas de selección das mesmas.
A Comisión non se reunía dende o 14 de febreiro de 2005, polo que as dúas partes se felicitaron pola recuperación da normalidade das reunións deste órgano, que debe ser o marco onde se aborden temas que afecten ás dúas entidades no eido da formación de fisioterapia e enfermaría, segundo se establece no convenio asinado entre ambos organismos no ano 2001.
Ademais do reitor, Alberto Gago, e a conselleira, Pilar Farjas, a reunión tamén contou coa participación dos vicerreitores do campus de Ourense, Juan Francisco Gálvez, e de Organización Académica e Profesorado, Antonio García Pino, e da xerente do Servizo Galego de Saúde, Rocío Mosquera, entre outros representantes de ambas institucións.