DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Juan Carlos Parajó, profesor da Facultade de Ciencias e director das "Xornadas sobre refinado de bio

“A humanidade enfróntase a grandes problemas polo uso masivo de recursos fósiles”

Asegura que un desenvolvemento sostible “debe basearse na utilización de recursos renovables”

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 06/11/2009
“A humanidade enfróntase a grandes problemas derivados do uso masivo de recursos fósiles, particularmente do petróleo, como combustibles e como materias primas para a obtención de produtos químicos”. Así o subliñou este venres Juan Carlos Parajó, profesor da Facultade de Ciencias e director académico das Xornadas sobre refinado de biomasa e desenvolvemento sostible, na conferencia inaugural dos encontros. Parajó afirmou tamén que un desenvolvemento sostible “debe basearse en recursos renovables, entre os que a biomasa vexetal ocupa un lugar fundamental”.
O acto inaugural das xornadas contou coa intervención de Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus de Ourense, que fixo fincapé no alto nivel de especialización e calidade dos grupos EQ-2 e EQ-9 da Facultade de Ciencias, dirixidos polos profesores Juan Carlos Parajó e Gil Garrote, respectivamente, e organizadores destas xornadas, dos que dixo, “son punteiros a nivel internacional”. A xornada de hoxe estivo adicada ás Iniciativas industriais no campo de produtos derivados de biomasa, e é a primeira dunha serie de catro que se van celebrar ao longo do curso académico 2009-2010 coa finalidade de presentar unha visión ampla da utilización da biomasa como recurso clave para o desenvolvemento sostible. Juan Francisco Gálvez subliñou a implicación do campus de Ourense cos temas ambientais, “unha implicación que foi refrendada hai uns días coa aprobación, polo Consello Galego de Universidades, da nova titulación de Ciencias Ambientais para Ourense”. E é que, en palabras do vicerreitor, “para nós é unha honra ter grupos de referencia como os que hoxe están aquí representados, porque sei que van ter moito que dicir nesta nova titulación”, declarou.

A substitución do petróleo por materias primas alternativas

A conferencia inaugural da xornada tratou sobre a Biomasa e desenvolvemento sostible e correu a cargo do profesor Juan Carlos Parajó. Na súa intervención na conferencia inaugural, Parajó puxo enriba da mesa os problemas aos que se enfronta a humanidade polo uso masivo de recursos fósiles, entre os que se atopan “o progresivo esgotamento destes recursos, os problemas ambientais que causan -particularmente o cambio climático debido ás emisións de CO2-, a incertidume de prezos e seguridade de subministros e problemas xeopolíticos derivados da inestabilidade dalgúns países produtores”. Todos estes obstáculos fan que se estea intentando substituir o petróleo por materias primas alternativas como a biomasa vexetal. O profesor Parajó analizou na conferencia algúns dos aspectos clave que afectan á utilización de biomasa vexetal de tipo celulósico, por exemplo, madeira, residuos forestais e agrícolas, como materias primas para a obtención de produtos químicos e enerxía. “Entre estes aspectos claves están a composición da biomasa e o seu procesamento a través de tecnoloxías de fraccionamento, que perseguen a separación dos compoñentes máis abundantes na biomasa celulósica –polisacáridos, incluindo celulosa e hemicelulosas, e lignina, de natureza fenólica- para a obtención de distintos produtos con interese comercial”, explicou.

Empresas de Alemania, Italia e España amosan liñas de traballo e intereses comúns

Para falar das Iniciativas industriais no campo de produtos derivados de biomasa, tema deste primeiro encontro das xornadas, interviron representantes de catro empresas: Gabriel Pereiro, de Econatur; Diana María Gómez, de Acciona; Paolo Torre, do Grupo M&C (Italia) e Bodo Saake, do Instituto vTI (coordinador dun proxecto alemán de base industrial sobre o fraccionamento de biomasa). No transcurso do encontro, os participantes amosaron as súas liñas de traballo e os seus intereses nos eidos de novos materiais de construción baseados en biomasa, bioetanol de segunda xeración e o desenvolvemento de procesos químico-biotecnolóxicos para a obtención de produtos de elevado valor engadido a partir de materias primas de interese local.
As Xornadas sobre biomasa e desenvolvemento sostible continuarán o seu desenvolvemento no vindeiro ano con outros tres encontros, dous sobre antioxidantes e un terceiro sobre prebióticos.